O proxecto 'Cholo e Nela' celebra esta edición o seu 25º aniversario

Carlos R. Calvente, mestre: "Moitos colexios que participaron nas primeiras convivencias hoxe están fechados"

Á esquerda o equipo de Cholo e Nela na edición de 2018. Á dereita, Ramón R. Calvente na de 2006 (Carlos G. Hervella/ O Sil/ Nós Diario).
Este ano a experiencia de convivencia infantil "Cholo e Nela" está de aniversario. Levan 25 anos relacionando aulas e alumnado de 3 a 6 anos de diferentes colexios tomando como base a cultura, a lingua e o xogo. Carlos R. Calvente é un dos responsábeis do proxecto xunto a un equipo de profesorado moi motivado que terá, por segundo ano consecutivo, que trasladar a actividade presencial e lúdica ao formato dixital polas medidas que están a adoptar pola pandemia.  

Como xorde o proxecto de Cholo e Nela?

No curso 1996-97 as e os mestres de educación infantil non tiñan unha saída importante. Os orzamentos dos centros gastábanse na viaxe do que daquela se chamaba 8º de EXB. Ocorréusenos facer un encontro de nenas e nenos desas etapas con actividades propias e acaídas deseñadas por nós. A idea foi xuntarse nun colexio da nosa bisbarra para que os desprazamentos fosen mínimos e xuntar un número de escolares importante contamos coa axuda das familias.

Aproveitamos un curso que tiñamos de intercambio de experiencias de innovación pedagóxica en educación infantil para poñela en marcha. A primeira convivencia foi do CEIP Julio Gurriarán do Barco de Valdeorras. Foi todo un éxito e animámonos a darlle continuidade. Creamos, coa metodoloxía de infantil, un centro de interese que foi Cholo, un globo que simboliza o xogo e a fantasía.

Na segunda edición apareceu Nela, unha pinga de auga do río Sil, que é o símbolo da transversalidade de todos os contidos que se deberían incorporar a unha escola innovadora e moderna, mesmo alternativa. Nela tiña unha simboloxía galega, partindo da reivindicación da cultura propia e da lingua.

Como será este ano?

Estamos traballando nunha proposta dos camiños de Santiago desde un punto de vista cultural, etnográfico que recolla a diversidade e reivindique Galiza como un centro de cultura milenaria. Non será como outros anos como consecuencia da pandemia e o que faremos será estruturar proxectos abertos a través de materiais dixitais que distribuiremos entre os centros. O ano pasado con todo preparado tivemos que crear alternativas que puxemos no noso blogue. 

A actividade en si consiste en varios grupos de traballo, agora mesmo con sede no Barco de Valdeorras, que deseñamos unha serie de obradoiros, xogos e contacontos abertos que cada aula adapta como quere. As nenas e os nenos pasan por catro áreas de actividades libremente. Hai un traballo previo de tres ou catro meses nos que nos coordinamos coas titorías.

En relación aos recursos somos autónomos e se a Consellaría de Educación non apoio facémolo igual. Facémolo cada ano nun municipio distinto e contamos coa colaboración dos concellos. É importante a interacción aldea-vila-cidade pola procedencia das familias dos diferentes colexios. É todo un acontecemento para lugar onde se fai.

Coa vosa experiencia de anos como vedes a evolución das escolas no rural? 

Véxoo con moita tristura. Fun 21 anos mestre en Vilariño de Conso e rematei alí a miña docencia en 2016 con 25 nenas e nenos. Hoxe só quedan 5. Moitos colexios que participaron nas primeiras convivencias hoxe en día están fechados. Por exemplo as de educación infantil de Larouco e de Petín, o colexio de San Xoán de Río,... Reflexionamos sobre este tema nas convivencias e puxemos en valor a recuperación etnográfica. 

A evolución no interior dos colexios está relacionada co gran despoboamento do noso rural e unha gran concentración cara as grandes vilas. A todo o mundo se lle enche a boca co rural e está quedando desatendido e agora sen xente.

A min, a nivel cultural e lingüístico preocúpame moito porque na medida en que o rural quede sen xente o idioma galego levará un duro golpe. E non debería ser así. Lembro, por exemplo, nunhas xornadas da AS-PG  no Barco de Valdeorras nas que se nos achegou unha nai venezolana amosando o seu interese pola nosa lingua