Ramón Laia, zapateiro: "Antes, para os zapatos, pensábase máis no traballo e no campo que noutra cousa"

Xosé Ramón Laia, artesán zapateiro, no seu obradoiro de Melide (Foto: Artesanía da Galiza)
O calzado é unha das pezas máis importantes da vestimenta. Ademais da estética importa a saúde, e diso sabe moito Xosé Ramón Laia, que leva 35 anos facendo zapatos de maneira artesanal desde o centro de Melide. Os seus modelos son moi apreciados e agora mesmo saben deles en países tan distantes como Australia, Canadá ou Alemaña. O seu obradoiro, situado no camiño de Santiago, forma parte da ruta turística municipal como un dos poucos lugares que manteñen a tradición deste antigo oficio.

Comecei de neno. Ao saír da escola traballei uns cantos anos nunha zapataría da vila e en 1986 montei o meu propio obradoiro de reparación de calzado, bolsos e carteiras. Ademais fixen algún curso de zapataría e coiroplastia en Monforte de Lemos nos anos 90 para perfeccionar.

Que é o máis importante nun zapato?

A calidade. Empregamos coiro de curtido vexetal, con codia de árbore e con forros de ovella para o interior. Ademais todos levan soleta de sola natural. Van cosidos e punteados. Iso dá unha resistencia no tempo e ademais de ser un zapato san, é cómodo.

Unha vez que quece, que entre en calos cando os levas un par de días, adáptase dunha maneira moi doada ao pé. É moi anatómico e moi xeitoso para andar, como se fose feito para ti. As pel ponse moi agarimosa, déixase moldear polo propio pé. Feitura e construción é o máis importante. O material é o mesmo que empregamos para facer bolsos ou cintos.

É difícil atopar ese material?

Son peles de vaca que no proceso de curtido empregan produtos naturais. En Carballo hai un par de curtidoras que o fan en vexetal. Mais a maior parte traémola de Villarramiel, en Palencia. Os forros de badana son de Paredes de Nava, tamén desa zona.

De que maneira evolucionou o calzado artesanal na Galiza?  

O proceso de construción é o mesmo de toda a vida. Montado, cosido e punteado. É un proceso tradicional galego de sempre. Este tipo de traballo faise tamén en Mallorca. Cando eu era neno elaborábase cunha soleta de coiro enteira cun cravo dourado porque non oxidaba ao arredor. Era moi pesado. Agora os modelos mudaron e teñen os pisos máis finos, tamén os que levan goma.

Antes só se facían botas de montaña ou zapatóns de becerro, moi pesados. Pensábase máis no campo que noutra cousa. Agora para eses traballos emprégase sobre todo o Gore-Tex ou a bota de goma. O de usar e tirar. Nós temos un modelo só para o traballo. A día de hoxe no campo teñen de todo. Non hai aqueles lameiros que había antes. Móvense en tractores e por pistas asfaltadas. Mudou a forma de empregar o zapato. 

Canto tempo leva facer uns zapatos?

Unha xornada. Traballamos con tres anchos diferentes. Se tes un pé con algunha característica e non che valen, medimos o pé e facémolo á medida. Polo xeral é raro que non entre nos que temos.

Volveu revalorizarse o zapato artesanal?

A xente sabe o que ve. Que o poida mercar ou non é outro cantar. Sen crises pandémicas, as persoas mercan este tipo de calzado. Un par de zapatos como os nosos dura varios anos e tes os pés sans. Se comparas cos que que veñen importados e son baratos, resulta insán para o pé por seren moi químicos e plastificados, non solucionan. Para o seguinte inverno tes que mercar outro par e ao final gastas máis cartos e non estás servido. A xente que merca un par noso repite.

Como chega á clientela?

Participamos en feiras de artesanía de calidade dentro e fóra da Galiza. Pasa xente de todo o mundo que merca. Ademais repiten. Enviamos zapatos a Alemaña, Canadá, Australia ou para os Estados Unidos de América. Estamos no camiño de Santiago e pasa moito peregrino. As tendas do camiño non son de artesanía, son de souvenirs, e teñen un montón de trapalladas, mais nós temos todo o material artesanal. Estamos na ruta dos turistas en Melide.