Diego Calvo desbota a existencia de grupos organizados

Rajoy di ter dado "instrucións" a policía e garda civil para intensificar a procura dos incendiarios

Rajoy, a carón de Feijóo e con Rueda ao fondo

O presidente do Goberno español desprazouse a Galiza para coñecer de primeira man a situación. Ten claro que os incendios foron "provocados" e afirma ter dado "instrucións" para os corpos de seguridade do Estado faceren "o maior esforzo posíbel" para deter os incendiarios.

Rajoy visitou o posto de mando avanzado instalado en Pazos de Borbén e alí non só inspeccionou as tarefas de extinción dos lumes, senón que mantivo un encontro coa imprensa.

 

O titular do Executivo español declarou sen dúbidas que os incendios foron "provocados" e quixo transmitir a idea de que o Estado vai pór todo da súa parte para arrestar os incendiarios. Dixo terlle dado "instrucións" a Policía Nacional e Garda Civil para "que fagan o maior esforzo" para "deteren as persoas que provocaron unha situación como esta". "Será un dos grandes obxectivos nas próximas datas", engadiu.

 

"O que estamos a viver non se ten producido por casualidade, foi provocado", dixo e a título de exemplo aludiu ao lume de Pazos de Borbén: "Un incendio maiúsculo iniciado ás 1.30 horas da madrugada, entre o sábado e o domingo, en cinco pontos á vez".

 

Con quen nos enfrentamos? Con incendiarios isolados ou con redes organizadas. O presidente do PP da Coruña, Diego Calvo, desbotou esta última hipótese en declaracións a Radio Coruña. Calvo defende que aos pirómanos non se lles chame "incendiaros", senón "terroristas incendiarios". Seguindo a súa lóxica, eses terroristas non estarían encadrados nunha organización, senón que actuarían como lobos solitarios.