EDUCACIÓN

Exixen á Xunta que non execute o ''golpe de morte'' contra o ensino público aprobado en Madrid

Manifestación en defensa do ensino público
O voceiro do BNG no Congreso deixou claro o rexeitamento ás medidas e considerou ''impúdico e inmoral que mentras se aproban recortes de 10.000 millóns en sanidade e educación, o Estado destine 15.000 millóns á banca privada''. CIG-Ensino arremeteu contra a postura ''cómplice e submisa'' da consellaría de Educación co Goberno español

Tras a aprobación dos recortes en Educación esta quinta no Congreso español, co único apoio do Partido Popular, que conta con maioría absoluta, a reacción de rexeitamento na Galiza non se fixo esperar. O BNG deixou constancia xa na Cámara por boca do voceiro --e candidato á Xunta-- Francisco Jorquera, quen votou contra a norma ao entender que "desinvestir en educación é desinvestir en capital humano". Pola súa banda, CIG-Ensino, sindicato integrante da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, comunicou máis unha vez a súa postura en contra do Real Decreto 14/2012, e demandou que a Xunta o recorra perante a Xustiza.

Durante o pleno, Jorquera tildou de "eufemística, edulcorada e manipulada" a linguaxe da que se valeu o Goberno español na redacción do documento, con frases como que 'trata de introducir elementos de racionalidade e eficiencia no sistema educativo, que redundarán nunha mellor prestación deste servizo público'. Desde a central nacionalista non ven tampouco as bondades deste decreto, que entenden concibido para "dar un golpe de morte" ao ensino público, e reprochan a "complicidade" e a "actitude submisa" que a consellaría de Educación está a mostrar para co Executivo de Mariano Rajoy, actuando "como unha marioneta que asome os mandatos do PP".

Jorquera: "É impúdico e inmoral que mentras se aproban recortes de 10.000 millóns en sanidade e educación, o Estado destine 15.000 millóns á banca privada"

Aos "ataques" dos últimos tres anos, coa perda de profesorado, o empeoramento das condicións laborais e a redución na dotación dos centros vén sumarse agora esta norma que trae consigo o aumento das ratios nas aulas, baixas sen cubrir até o décimo día lectivo, a supresión da obrigatoriedade de ofertar dúas vías de Bacharelato ou unha suba das taxas universitarias que pode chegar até o 66%. Por isto, CIG-Ensino demandou do departamento que dirixe Jesús Vázquez "que actúe en interese do ensino público galego" e que non aplique o decreto na Galiza, ademais de presentar un recurso no Tribunal Constitucional por pisar competencias atribuídas á Consellaría.

Na liña, Jorquera dixo no pleno do Congreso que resulta "impúdico e inmoral que mentras se aproban recortes de 10.000 millóns en sanidade e educación, o Estado destine 15.000 millóns á banca privada", e arremeteu contra a suba do prezo das matrículas universitarias até se aproximaren aos das universidades privadas e "impedindo que as públicas cumpran a función de contribuír para a igualdade de oportunidades". Respecto do Bacharelato, o deputado do BNG subliñou outra vez que a eliminación do requisito de ofertar dúas modalidades afastará as posibilidades de acceso á Educación superior aos e ás mozas, sobre todo @s que viven no rural.

O 3 de xuño as plataformas en defensa do Ensino e da Sanidade públic@s sumarán folgos nunha mobilización nacional 

"Non imos ficar pasivos ante estes recortes", sinalou Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino esta sexta feira, cadrando co terceiro peche da cadea rotatoria que a Plataforma Galega convocou nos centros de Ensino de toda Galiza en contra dos recortes na Educación pública. Este 18 de Maio a ocupación foi no IES Xesús Taboada Chivite de Verín, e seguiranlle encerros en Vigo --21 de maio--, A Coruña --22 de maio--, Pontevedra --23 de maio--, Lugo --24 de maio--, Burela --25 de maio--, O Morrazo --29 de maio--, A Guarda --30 de maio--, Carballo --31 de maio-- e Ourense --1 de xuño--. O vindeiro 3 de xuño este colectivo sumará folgos coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública nunha manifestación nacional.