POR UN ENSINO PÚBLICO E GALEGO

Máis de 10.000 estudantes mobilízanse na Galiza nunha multitudinaria protesta contra os recortes da dereita

Cabeceira da mobilización, onde estaban colocadas as faixas de Galiza Nova, Liga Estudantil, Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, Comités, CIG e Agir
Até 20 mobilizacións en toda Galiza advirten a Feijóo de que o estudantado ''rexeita estes recortes e denuncia que con eles se ataca gravemente o ensino público e a súa calidade, así como o dereito de igualdade de oportunidades do alumnado, que aumentará o fracaso escolar e despedirá máis de 2000 docentes''. Así o recolle o manifesto da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que foi lido ao remate da concentración, diante da Xunta

O reloxo marcaba as doce do mediodía cando os berros comezaron a se ouvir polas rúas da Galiza. Aquí está, aquí se ve, o estudantado galego en pé, dicían os altofalantes, e repetían ao unísono case 4.000 persoas en Compostela, outras 2.500 na Coruña, 2.500 en Vigo, 500 en Lugo, 400 en Ourense e 250 en Ferrol e en Pontevedra. "Despois desta xornada --Alberto Núñez-- Feijóo non pode seguir mirando para o outro lado. Ten que dicir 'non' aos recortes, e non pode facelo coa boca pequena", apunta Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova, visíbelmente emocionada pola multitudinaria resposta que tivo a convocatoria desta xornada de folga xeral no ensino público do país. "Isto é un clamor que lle exixe á Xunta que non aplique o decreto e que o recorra por invadir competencias", engade, en referencia ao Real Decreto-lei 14/2012.

Nesta quinta feira, vinte mobilizacións en vilas e cidades denunciaron os recortes do PP no ensino público galego. Nas últimas semanas a dereita española, co apoio da dereita galega, foi anunciando un a un os capítulos "dun dos maiores ataques dos últimos tempos", segundo valora a Liga Estudantil Galega. A súa voceira, Saleta Chao, considera que a folga foi "un exitazo", e cifra no 90% o seguimento que tivo en todo o territorio galego, dato consensuado entre todas as organizacións convocantes. "Os únicos problemas dos piquetes foron por Bolonia, porque houbo coaccións ao estudantado con faltas de asistencia que non poderían xustificar se secundaban o paro", informa Chao.

"A resposta foi masiva, de acordo coas expectativas que nos marcamos inicialmente", sinala desde os Comités o seu responsábel nacional, Daniel Candal, quen asegura que a xornada de hoxe foi "só un paso" dos que a mocidade galega está disposta a dar en defensa "dun ensino público e de calidade" na Galiza. Hai palabras de Candal contra a suba das taxas universitarias, que máis unha vez volve cualificar de "desproporcionada e inxusta", e fala dun seguimento no ensino medio que se aproximaría ao 80%, mentres no universitario só se impartiron "unhas poucas" aulas nas facultades de Dereito da Coruña e de Medicina en Compostela.

A cuarta organización estudantil cuxa faixa lucía na cabeceira da manifestación é Agir. Non están entre as organizacións convocantes, mais sumáronse á protesta "porque tamén defendemos un ensino público e de calidade, e non quixemos entrar nunha guerra de convocatorias", explica o seu voceiro, Miguel Cuba. Segundo as súas palabras, o seguimento da folga desta quinta "representa a recuperación da vitalidade dun movemento estudantil que semellaba adormecido". Entende que ao premer o botón das tesoiras "o PP creou un poderoso inimigo que acaba de deixar claro que non vai permitir que lle rouben o dereito á educación".

Ademais dos colectivos estudantís xa citados, na protesta de Compostela --onde foron recollidas as declaracións-- participaron tamén a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público --integrada por CIG-Ensino, Comités, Galiza Nova, Liga Estudantil, AS-PG, BNG e varias asociacións de nais e pais do país; e cuxo manifesto foi lido a varias voces ao remate da concentración diante da Xunta--, así como os sindicatos CIG e CUT. Alén disto, e pese a convocar pola súa conta, finalmente acabou adheríndose a manifestación da Plataforma en Defensa do Ensino Público --liderada polo Sindicato de Estudiantes e que conta co apoio de CC.OO-Ensino, FETE-UGT, CSI-F, Confapa, Iesga e Escola Viva--, e que contou cun seguimento moi escaso.



Suba das taxas universitarias

Abrindo o libro das agresións ao ensino público, o primeiro episodio foi a presentación dos Orzamentos Xerais do Estado, onde aparece un oco de máis do 20% nas partidas que o Ministerio de Educación destina a este dereito básico, o que se traduce nunha redución de máis de 600 millóns en programas de ensino. A partida de bolsas deste departamento rebáixase tamén en 166 millóns, e endurécense as condicións do estudantado para poderen acceder a elas. O recorte en investigación é "aínda máis dramático", din desde a Liga, pois a tesoirada alcalza o 35% en relación ás partidas do ano pasado, isto é, 630 millóns menos.

"O Estado español pretende saír desta crise a través da precarización da forza de traballo", denuncian desde Agir, a organización estudantil da esquerda independentista, que chamou tamén á folga neste 10 de Maio. Alertan da suba das taxas universitarias "até niveis inasumíbeis pola maioría social", e foi esta a seguinte labazada de Madrid ao ensino público: un incremento nas matrículas da Universidade pública que poderá chegar até o 66%, de tal xeito que o prezo medio da primeira convocatoria será de 1.500 euros, e a partir da cuarta matriculación o alumnado terá que sufragar a totalidade do crédito, máis de 6.000 euros polo curso completo. Porén hai máis.

As organizacións estudantís quéixanse de que nin sequera o cálculo desa 'totalidade do custo' é correcto, ao incluír partidas do orzamento universitario que nada teñen que ver co ensino, como poden ser a investigación "e algúns outros dos poucos servizos que quedan sen privatizar", consideran desde os Comités. Na actualidade, a matrícula "non equivale só ao 15% do custo total, como di o Goberno, ao contabilizar aspectos que nada teñen que ver coa docencia e o progreso académico do alumnado". Segundo a Liga, o estudantado paga máis do 40%.

Feijóo tamén 'xoga' coas tesoiras
Galiza Nova suma aos recortes do Goberno español os emprendidos polo galego nestes últimos 3 anos: 2.000 profesor@s menos, supresión da gratuidade dos libros de texto, 425 millóns menos para o ensino público, supresión de unidades de bacharelato e de ESO e aumento da subvención pública a centros privados, mesmo aos que segregan ao alumnado por sexo. É certo que desde Madrid se impón un intervalo onde as autonomías teñen liberdade para escoller a suba que practican nas taxas universitarias, mais cos datos aportados polo colectivo nacionalista nada fai presaxiar que a mocidade galega vaia saír 'beneficiada' do incremento nos prezos das matrículas.

Os Comités fan un repaso da subida en pendente: agás en 2008 e en 2009, cando Laura Sánchez Piñón (PSOE) mantivo conxeladas as taxas pola presión das organizacións estudantís, o resto dos anos o aumento foi progresivo e andou entre o 3% e o 4%. Neste ano pode chegar até o 66% "para compensar o recorte de 3.000 euros que veñen de aplicarlle á educación".

E hai máis aínda. Segundo o Plan Nacional de Reformas que o Goberno español enviou a Bruxelas e que o departamento que dirixe José Antonio Wert pretende aplicar no vindeiro curso 2012-2013, o estudantado que conte cunha bolsa deberá superar entre o 90% --bolsas xerais-- e o 100% dos créditos --bolsas salario-- se quixeren renovar dita axuda. En Galiza, os Comités aseguraron que esta nova disposición non @s colleu por sorpresa.

"Non é máis ca unha continuación de todas as políticas que están a desenvolver no ensino", un recorte máis que apunta á calidade do sistema público e carga nos ombreiros das e dos estudantes o peso económico da súa formación. A consecuencia dos recortes anunciados por Wert supón a maior suba de taxas da historia, mentres o titular do Goberno español, Mariano Rajoy, di que "non hai cartos para os servizos públicos" e pide unha 'esmola' de "uns poucos euros" entre a cidadanía.

Que os recortes non se apliquen na Galiza
Desde Agir critican "esta tese de que o estudantado que suspende é porque non se esforza e, polo tanto, debe ser castigado", e cualifican de "contraditorio" aumentar o nivel de exixencia económica "e pseudo-académica" cando as axudas ao estudo van devecendo. Os reitores das tres Universidades galegas manifestaron o seu rexeitamento á suba das taxas e aos recortes na educación pública. En Galiza Nova acolleron positivamente este posicionamento en favor do estudantado --é a primeira vez que as tres Reitorías se poñen de acordo para criticar medidas destas características desde as mobilizacións en contra da LOU--. Mais a organización xuvenil do BNG lamentou que a Xunta "volverá antepoñer os intereses do seu partido".

"Sería bo que Feijóo tomase nota e anunciase que non aplicará os recortes na Galiza", así como que presentará un recurso contra o Real Decreto-lei 14/2012 por invadir competencias da Consellería de Educación. Mais as organizacións estudantís son realistas: "non imos provocar cambios relevantes" na postura do Goberno galego. E lanzan unha advertencia: "se o goberno do PP non rectifica esta folga será só a primeira".