Mujeres Creando, Bolivia: "O noso é un feminismo de reclamo, mais tamén de proposta"

Emiliana Quispe, Mayra Rojas e Raiza Zeballos. (Foto: Arxina).
Emiliana Quispe, Mayra Rojas e Raiza Zeballos son integrantes de Mujeres Creando, un movemento feminista que está a mudar a vida das mulleres de Bolivia. Onte fecharon en Compostela e Ourense sete días de encontros institucionais e feministas da man de Solidariedade Internacional da Galiza (SIG).

—Mujeres Creando é un movemento con máis de 30 anos de historia en Bolivia. Cal é a base do traballo que desenvolven?
Mayra Rojas. Mujeres Creando é un movemento feminista, anarquista, autoxestionario e autónomo. Neste sentido, concibimos moitos termos específicos para o traballo que realizamos. Un deles é o da política concreta. Cremos que o discurso ten que converterse en realidade. Isto vertebra todo o que facemos e permitiunos consolidar a nosa presenza no país, en Bolivia, onde atendemos todas as situacións de vulneración dos dereitos fundamentais das mulleres. 

—Que violencias enfrontan a diario as mulleres bolivianas?
M.R. Violencias machistas, laborais, económicas e institucionais. Traballamos en todos os ámbitos. Combatemos as violencias machistas a través de 'Mujeres en busca de justicia', mais tamén tratamos de coñecer e rachar con todas as formas de violencia bancaria e financeira, e con todas as violencias que o Estado exerce contra as mulleres desde distintas áreas da administración: a tributaria, a municipal, a xudicial...

—Falan da busca de xustiza no marco da loita contra as violencias machistas. A que tipo de xustiza aspiran?
Raiza Zeballos. 'Mujeres en busca de justicia' é unha iniciativa que achega atención legal, social e psicolóxica como parte da nosa loita contra as violencias machistas, pero o máis importante é que estamos aí para converternos nunha produción de xustiza feminista, unha xustiza que non imos atopar detrás dun estrado xudicial, nunha sentenza ou nun xuíz porque hai un sistema de xustiza corrupto, burocrático, machista e patriarcal que criminaliza as mulleres. Nós falamos dunha metodoloxía de atención alegal. O que facemos é preguntar ás mulleres que xustiza queren e acompañámolas neses proceso. Son elas as que teñen que decidir e liderar o seu propio proceso. Non se trata de facer todo por elas, de reducilas a vítimas que precisan dunha axuda externa. Interésanos que as mulleres recuperen a súa voz.

—Onde están a alzar a súa voz as mulleres de Bolivia?
R.Z. Hai poucos meses nais de familia mobilizáronse para pedir un mellor servizo, máis accesíbel e menos corrupto, da billeteira móbil, que permite o cobro de subsidios fundamentais. Había grandes diferenzas entre asalariadas e non asalariadas, con barreiras insalvábeis para moitas mulleres. É unha mostra de violencia institucional que nos indica que cómpren outras formas de xustiza, por fóra do Estado, mais tamén lexítimas.

—A impunidade contra as violacións e os feminicidios impulsou outra mobilización masiva a primeiros de ano en La Paz.
R.Z. O caso dun agresor, feminicida e violador, con sentenza, ao que decretaron unha detención domiciliara durante a cal volveu violar e matar, xerou unha indignación colectiva nacional que desde Mujeres Creando lideramos cunha acción pública na que o obxectivo era cambiar a vergonza de bando. Primeiro emprendemos unha auditoría xurídica que nos devolveu máis de 300 casos de violacións e feminicidios nos que o nivel de impunidade era similar. E como o noso non é só un feminismo de reclamo, senón tamén de proposta, entregamos ao Estado un documento xeral mais un particular de cada caso indicando as irregularidades practicadas, as máis comúns e o que debería mudar. Finalmente saímos á rúa cos rostros dos violadores e feminicidas, pero tamén dos xuíces, fiscais e autoridades que deron lugar a esa impunidade. Para nós cambiar de bando a vergonza para que non quede do lado das mulleres é unha estratexia moi importante.

Loita política tamén desde a cociña

Emiliana Quispe é feminista, ex traballadora do fogar, ex sindicalista, indíxena e chef. É a xefa de cociña do "comedor popular" que Mujeres Creando ten na súa casa, Virgen de los Deseos, un espazo autoxestionario desde o que tamén practican a "loita política". A cociña é unha ferramenta de activismo máis, un exemplo de traballo libre e horizontal, "artesanal, intelectual e creativo".

"Todas traballamos por igual, non hai xerarquías. É equitativo e equilibrado, cun horizonte nivelado" ao servizo de todas as loitas do movemento, di. En palabras de Mayra Rojas, estas loitas "foron transformando a realidade das mulleres bolivianas", a través da arte, dos graffitis; dunha axencia de emprego e dunha radio propias, Radio Deseo, "amplificadora das denuncias que xorden das necesidades das mulleres"; de talleres de sexualidade e de defensa. "Sempre motivadas pola política concreta", conclúe.