Rafaella Resources proxecta minaría a ceo aberto en Santa Comba

Tubaxe de verteduras na mina de Varilongo, en Santa Comba. (Foto: Ecoloxistas en Acción)
Colectivos ambientais temen que tamén se proxecte minaría a ceo aberto nas minas de San Fins de Lousame, a 10 quilómetros da ría de Muros e Noia e controladas tamén por Rafaella Resources.

Rafaella Resources acaba de facer públicos, ante a autoridade bolsista australiana, os resultados dun estudo previo de viabilidade da explotación da mina de Varilongo, en Santa Comba, no que aposta por convertela nunha mina a ceo aberto.

A autorización vixente nesta mina concirne á explotación subterránea, do mesmo modo que se fixo desde 1940, primeira época de extracción. Un permiso, o actual, que procede dun proxecto aprobado en 2011 e que, segundo teñen denunciado asociacións ecoloxistas, carecía de sometemento a unha avaliación de impacto ambiental.

A aposta por converter a mina de Varilongo nun xacemento a ceo aberto supón, en palabras da empresa aos accionistas da mesma, unha "mellora da estimación do potencial económico de explotación". Esta dación de contas da empresa aos accionistas de Rafaella chega despois de ter caído a mínimos históricos no mercado bolsista australiano.

Segundo denuncia Ecoloxistas en Acción, a contaminación por metais pesados procedente da drenaxe de augas da mina "xa é significativa no presente", e o proxecto de minaría a ceo aberto, que non está aínda en tramitación, suporía unha "ameaza máis grave" pois "é un tipo de minaría moito máis agresiva"

Este novo plan de explotación está previsto por sete anos, e un dos temores expresados polo colectivo ecoloxista é o de que "non se realice ningún tipo de restauración despois das labores".

Preocupación tamén na ría de Muros e Noia

"A mina de Santa Comba xunto coa de San Fins poden chegar a ser líderes na produción de estaño e volframio durante moitos anos, unha vez que obteñamos todos os permisos necesarios", afirmou Steven Turner, director xeral de Rafaella.

Unhas palabras que xeran na comarca de Muros e Noia a preocupación de que se proxecte unha explotación a ceo aberto tamén na mina de San Fins, a escasos 10 quilómetros da ría.