Rafaella Resources encarga un estudo para demostrar "o enorme potencial" da mina de Santa Comba

Auga residual que parte da mina de Varilongo. Ecoloxistas en Acción

A empresa australiana que explota a mina de Varilongo, en Santa Comba, e de San Finx, en Lousame, fixo públicos os resultados dun estudo que demostran o “enorme potencial económico” do proxecto de volframio que quere explotar.

A compañía, vinculada a paraísos fiscais, deu a coñecer no día de onte os resultados da análise sobre o volframio e o estaño en Santa Comba.

O informe encargado pola propia empresa, que asegura que está realizado por “consultores independentes”, defende a explotación integrada en Varilongo da mina subterránea, coa autorización vixente, e en superficie, pendente de realizar a tramitación correspondente.

O estudo, informa Rafaella Resources, propietaria dos dereitos de explotacións da mina de San Finx, “apoia o importante investimento de capital requirido e a creación de significativos postos de traballo a longo prazo na zona".

De feito, o seu director xeral, Steven Turner, chamou a atención sobre a necesidade de obter “todos os permisos necesarios” para chegar a ser “líderes na produción de estaño e volframio durante moitos anos”.

A inicios deste ano, a compañía australiana, a través da súa filial Biscay Minerals, informara do acordo con Valoriza Minaría -á súa vez filial de Sacyr- para a compra do 100% da propiedade da mina de San Finx, en Lousame.

Ecoloxistas chegaran a advertir de que Rafaella Resources, e Biscay Minerals, están controladas por Starboard Global Ltd., unha compañía con sede nas Illas Virxes Británicas e con oficinas en Hong Kong, “en ambos os casos paraísos fiscais con lexislación mercantil que impide a transparencia". O movemento ecoloxista leva meses advertindo do impacto da mina sobre a ría de Muros e Noia.