Rafael Saco, profesor no IES Félix Muriel, fala do seu proxecto escolar

Rafael Saco: “Debemos seguir vinculando a educación coa situación medioambiental”

O profesor de Filosofía e creador do Proxecto a prol dun monte vivo, Rafael Saco. (Foto: Nós Diario)
Rafael Saco, profesor de Filosofía no IES Félix Muriel de Rianxo e creador do Proxecto a prol dun monte vivo, explica as características da iniciativa e opina sobre a importancia de crear conciencia no que á realidade medioambiental se refire. Saco expón que se trata dun proxecto escolar de carácter interdisciplinar que se está a levar a cabo no seu instituto desde o curso pasado en colaboración coas mancomunidades da zona.  

Avante Pouca

Trátase dun proxecto a prol dun monte vivo, como xorde a idea de crealo?
Xurdiu a partir dun incendio en marzo de 2019 que queimou 1.200 hectáreas dos concellos de Dodro e Rianxo. Foi realmente devastador, obrigou a desaloxar o instituto e afectou directamente o funcionamento académico do centro. Supuxo un punto de inflexión con respecto ás mancomunidades de montes e a este proxecto, que naceu dada a situación. Decatámonos da necesidade dunha toma de conciencia sobre a transformación que precisa o territorio. Despois dunha sucesión de incendios na zona, vemos que é necesario intervir. De aí nace a plataforma da defensa do monte, apoiada por moitas familias do alumnado, que está totalmente vinculada ao proxecto escolar do instituto. Esta iniciativa ten unha vertente formativa e outra sociocultural, pois buscamos empregar os coñecementos sobre a biocultura para transformar a contorna na que habitamos e entendela como un procedemento activo.

Avante Media 

É o propio alumnado o que traballa neste proxecto, que tarefas realiza?
É un proxecto interdisciplinar; neste momento están colaborando 15 docentes de diferentes departamentos. Cada un escolle un aspecto vinculado á súa materia e vaino integrando nas clases. En bioloxía, por exemplo, estudan as sementes ou os tipos de solos; en historia céntranse na cronoloxía e no estudo do monte mancomunal; en galego entrevistan a comunidade veciñal e aprenden cuestións sobre toponimia; en economía elaboran proxectos emprendedores de xestión do monte; e un longo etcétera. Ao final do curso pasado trasladamos todo o material ao blog Aula Verde.

As actividades van cambiando: o ano pasado centrouse nos incendios, e este curso está focalizado nas achegas da biocultura. A primeira acción que fixemos foi a transformación do patio do centro: eliminamos 45 acacias enormes coa fin de ordenar o recinto con base en criterios de sustentabilidade. A verdade é que o alumnado respondeu moi ben á proposta do proxecto. O feito de que sexa interdisciplinar fai da iniciativa un traballo moi atractivo. 

Avante Toda

Como ve o futuro do proxecto?  
O futuro do proxecto dependerá de como vaia evolucionando a situación. A plataforma pola defensa do monte presentou unha demanda para responsabilizar Naturgy e outra empresa eléctrica do incendio de marzo de 2019 a partir do cal comezou o proxecto. Este proceso xudicial está a servir para dignificar o valor da propiedade forestal e rural. Incorporáronse á demanda as cinco comunidades afectadas e moitas familias da zona cuxos fillos e fillas estudan no instituto; por iso a iniciativa está tan vinculada co alumnado. Este ano publicouse un documento que presenta unhas directrices para unha ordenación sustentábel do espazo de Rianxo. Quérense sentar as bases para unha ordenación conxunta. O futuro do proxecto dependerá do que ocorra no xuízo que se realizará a mediados do próximo ano en Madrid. O que está claro é que debemos seguir vinculando a educación coa situación medioambiental. 

Que importancia ten o proxecto en relación á conservación da biodiversidade da zona?    
Hoxe en día a realidade virtual preséntanos unhas contornas idílicas que xa non sabemos se existen ou non. Estes proxectos buscan ancorarse á realidade e ás condicións nas que vivimos. A educación debe incidir profundamente nestas cuestións. Estas iniciativas deben darlle ao alumnado as ferramentas necesarias para entender a situación mediante coñecementos tradicionais a través dos veciños pero tamén mediante os coñecementos técnicos que poidan aplicar. Buscamos partir dunha situación real para incidir nela e transformala.