112, brigadistas e bombeiros ven caótica a xestión da Xunta

"Quixemos facer máis e non se nos permitiu"

Caos. Descoordenación. Non o denuncian os portavoces da oposición, senón traballadoras e traballadores do servizo de emerxencias 112, brigadistas, bombeiros, axentes forestais. Ofereceron unha conferencia de imprensa conxunta esta sexta feira.

Ninguén desde a Xunta soubo coordenar esforzos para combater a vaga de lumes: esa é a conclusión que se tira da comparecencia informativa desta sexta feira de persoal de servizos básicos para facer fronte aos incendios e ás súas consecuencias, tráxicas nunha onda de fogos que se cobrou catro vidas humanas.

 

Representantes do servizo de emerxencias 112, bombeiros públicos e comarcais, brigadistas, axentes forestais, concordaron en cualificar de "caos" e de "descoordenación" a xestión da administración galega da crítica situación vivida na Galiza nos incendios do pasado fin de semana, designadamente a partir do domingo.

 

 

 

 

"Quixemos facer máis e ou non se nos permitiu ou se nos dixo que non facía falta". Quen fala é Miguel Ucles, bombeiro no parque de Vigo e presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos da Galiza. O seu testemuño remite á denuncia realizada polos bombeiros da Coruña, cuxo oferecimento de colaboración demorou até 12 horas en ser aceitado por Medio Rural.

 

Na mesma dirección, Gustavo Tobío, da mesma plataforma, referiu que perante a incapacidade para coordenar os labores por parte Axencia de Xestión de Emerxencias da Xunta os bombeiros tiveron de se auto-organizar en Santiago, Lugo ou Ourense.

 

A representante do comité de empresa do 112 Susana Camba denunciou que mentres Feijóo e Rueda pedían á cidadanía que canalizasen as súas demandas através dese servizo de emerxencia este, na mañá do domingo, só estivo atendido por 6 persoas, efectivos que xa na tarde dese día -o de lumes máis devastadores- aumentarían até unha nómina final de 14 teleoperadoras.

 

A enchente de chamadas ultrapasou as capacidades do operativo. "Fixemos o que puidemos". Non houbo coordenación. Non se habilitou unha liña especial, nen se puxo en coñecimento do público que existe un número específico, o 085, para atender chamadas en relación cos lumes. Envorcouse todo no 112. 

 

Non hai tramas

 

Por súa parte, o axente forestal Rafael Cudeiro desbotou a existencia de "tramas organizadas" -contra a tese dunha Xunta que teima en falar de "terrorismo incendiario"- e demandou un "mando único" para a coordenación de todos os dispositivos. "Se non isto é un galimatías", dixo.