Chega aos quiosques o novo coleccionábel de 'Nós Diario': 'As nosas extraordinarias aves comúns'

A bubela é unha das aves que formará parte do coleccionábel. (Foto: Ramsés Pérez)
Nós Diario achega novo coleccionábel: As nosas extraordinarias aves comúns. Con 16 entregas entre as terzas e sextas feiras de todo o mes de abril.

A partir desta sexta feira, e durante o mes de abril, Nós Diario pon a disposición das persoas lectoras o coleccionábel As nosas extraordinarias aves comúns, da autoría do educador ambiental Ramsés Pérez. Nas 16 entregas, que se publicarán xunto a Nós Diario de terza a sexta feira de abril, afondarase no moitas veces descoñecido mundo das nosas aves comúns, as que nos acompañan desde a mañá, que observamos desde a fiestra do lugar de traballo ou atopamos o paseo por calquera parque. Aves que nos poñen en contacto coa natureza máis próxima. O extraordinario do noso patrimonio natural máis cotián que pasa desapercibido.

As carrizas son especialistas en facer niños en pezas de roupa que deixamos esquecidas, os paporrubios son quen de cantar pola noite en lugares iluminados con luz artificial e os pardais poden ocupar niños doutras aves como as andoriñas de cu branco. Estas informacións e moitas outras poderanse atopar no coleccionábel sobre as nosas extraordinarias aves comúns, así como detalladas fotografías de cada unha delas, autoría de Ramsés Pérez

Os números do coleccionábel seguirán unha estrutura coherente: presentaranse cada unha destas especies, comezando primeiro pola súa distribución a nivel mundial e europeo, para despois centrarse en que lugares da península Ibérica e da Galiza habitan. Tamén se abordará outro aspecto para as persas non familiarizadas coa ornitoloxía: como recoñecer cada ave, pois ademais da foto inclúese unha pequena explicación de como distinguir cada animal.

Así mesmo, explicaranse outras cuestións destas especies, como o seu canto, o hábitat nas que as vamos atopar, o proceso da cría, a distinción (ou non) entre macho e femia, así como cal é a súa tendencia na actualidade. Son todas aves comúns, explica Pérez, pero non por cotiás deixan de estar en perigo. "Moitas veces cando falamos de especies ameazadas pensamos en aquelas que son máis delicadas, porén, moitas aves comúns son cada vez menos comúns, e como exemplo desta realidade está o caso da anduriña ou do moucho", sinala.

Aves habituadas a desenvolver a súa vida en medios agrarios e que as transformacións que están tendo os usos do solo, pola intensificación agraria e o abandono, ou mesmo pola substitución de cultivos tradicionais por plantacións invasivas como as de eucalipto, están a facer que aínda que eran moi comúns, cada vez o sexan menos.