Quinto día consecutivo de incremento de casos activos na Galiza

Un home protexido por máscara e pantalla (Carlos Castro/ Europa Press)

Os casos aumentaron en catro das sete áreas sanitarias galegas.

Continúa a aumentar o número de casos activos de Covid-19 na Galiza e xa van 5 días consecutivos nesa dinámica de incremento.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, esta terza feira,  o número de casos activos de coronavirus na galiza é de 242, o que supón 10 máis ca onte.

Deles 63 son da área da Coruña (5 máis ca onte), 85 da de Lugo (5 menos), 7 da de Ourense, 20 da de Pontevedra (2 máis), 47 da área de Vigo (3 máis), 20 da de Santiago (catro máis), e ningún da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 1 está en UCI, 9 en unidades de hospitalización e 232 no domicilio.

Polo de agora, na Galiza hai un total de 11.236 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 245.003.

Dentro do total de casos rexistrados na Galiza hai un vinculado con centros residenciais, segundo indica Sanidade, que corresponde a un traballador, mentres as residencias seguen sen persoas usuarias infectadas.

Con cada positivo detectado, actívase a  procura das persoas que estiveron en contacto coa enfermidade. Despois dunha consulta médica, presencial ou telefónica, na que o facultativo diagnostique o paciente como caso sospeitoso de coronavirus, solicitaráselle unha proba PCR. Unha tarefa que desenvolve desde o mes de maio unha plataforma tecnolóxica integrada daquela por unha equipa de vinte profesionais, que os sindicatos sinalaron como outro exemplo de "privatización" da Xunta.

Non hai consenso no número de rastrexadores co que se debería contar por cada 100.000 habitantes. Un estudo da Universidade John Hopkins dos Estados Unidos estabelece un mínimo de 30, polo que na Galiza serían precisos cando menos 810 profesionais. Porén, o número actual de operadoras da plataforma é descoñecido, pois o Sergas non o actualizou nin respondeu as cuestións ao respecto.