Galiza descoñece a orixe de 46,7% dos contaxios da Covid-19

(Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Nas pasadas cinco xornadas detectáronse dous abrollos de coronavirus no municipio de Vigo e outro no concello do Saviñao. Na Coruña e Oleiros procúranse as persoas que estiveron en locais de ocio nocturnos nos que traballou un porteiro que deu positivo. 

Como xa anunciara a pasada semana, a Xunta publicou onte no Diario Oficial da Galiza a recomendación de limitar a vinte e cinco persoas as reunións en espazos privados. Hoxe, segundo trasladou a Consellaría de Sanidade, divulgarase a listaxe de países e áreas de alta incidencia de coronavirus, cuxos visitantes deberán comunicar ás autoridades sanitarias galegas os seus datos de contacto obrigatoriamente.

Ambas as disposicións chegan logo de cinco xornadas consecutivas nas que Galiza rexistrou un aumento do número de casos activos da Covid-19. Así denomina a Xunta da Galiza a cifra de persoas cunha proba de coronavirus positiva nunha xornada concreta. Se o 23 de xullo esta  ascendía a 163 casos activos, onte o Sergas informaba de 232, aínda lonxe das cifras de marzo e das da maioría dos demais territorios do Estado.  Ao tempo, o número total de "curacións" ou altas epidemiolóxicas é de 97.

Se ben a Consellaría de Sanidade non especifica os novos casos localizados  cada día, pódese deducir polos datos fornecidos que sumaron 149 entre o 23 de xullo e o 27 de xullo. Neste último día, localizáronse 23 positivos máis.  E, segundo o último informe emitido polo Instituto de Saúde Carlos III, en case a metade dos casos detectados na Galiza desde o 11 de maio descoñécese a orixe do contaxio

Focos na Galiza

As modificacións das medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria coinciden coas orixes coñecidas dos abrollos detectados desde o pasado mes de xuño na Galiza. Isto é, a "importación" de casos doutras áreas e do Estado ou do estranxeiro, que posteriormente contaxian a patoloxía en reunións familiares ou con persoas próximas . Así foi no primeiro foco detectado tras a fin do estado de alarma, o da comarca do Barbanza, que na actualidade xa non conta con ningún positivo activo nin persoas en corentena. 

Desde aquela xornada, as autoridades sanitarias informaron de diversos abrochos máis espallados pola xeografía galega. O da comarca da Mariña foi o que rexistrou o maior número de persoas que deron positivo nas probas da Covid-19, obrigando ao fechamento de varios concellos e mais á limitación da mobilidade ou a restricións de aforo nos locais e na restauración.

No municipio de Betanzos localizáronse, a mediados do mes de xullo, dous focos diferentes. Paralelamente, os seis casos positivos detectados en Vilalba e Xermade foron rastrexados para estabelecer unha posíbel conexión co brote da Mariña. No concello de Vigo, asistentes a unha festa nun barco deberon gardar corentena logo de manifestárense dous casos positivos entre os días 23 e 24 de xullo. Na mesma localidade informouse na xornada de onte de dous abrollos familiares, con tres e dez positivos por Covid-19 respectivamente.

Nos municipios do Porriño e do Saviñao tamén foron detectados dous abrochos familiares, con seis e quince positivos. No da Coruña e no veciño Oleiros activouse a procura de contactos que estiveron nos locais nos que traballa un porteiro que deu positivo en Covid-19, mentres do clube de fútbol Fuenlabrada suma 18 casos activos.

Para abranguer e conter os abrochos, a Xunta puxo en marcha en maio unha plataforma tecnolóxica de rastrexo. Unha das patas de prevención da Covid-19 xunto coas medidas de seguridade e mentres non se  atope unha vacina ou tratamento efectivo contra a Covid-19. 

Rastrexo de contactos

Con cada positivo detectado, actívase a  procura das persoas que estiveron en contacto coa enfermidade. Despois dunha consulta médica, presencial ou telefónica, na que o facultativo diagnostique o paciente como caso sospeitoso de coronavirus, solicitaráselle unha proba PCR. Unha tarefa que desenvolve desde o mes de maio unha plataforma tecnolóxica integrada daquela por unha equipa de vinte profesionais, que os sindicatos sinalaron como outro exemplo de "privatización" da Xunta.

Non hai consenso no número de rastrexadores co que se debería contar por cada 100.000 habitantes. Un estudo da Universidade John Hopkins dos Estados Unidos estabelece un mínimo de 30, polo que na Galiza serían precisos cando menos 810 profesionais. Porén, o número actual de operadoras da plataforma é descoñecido, pois o Sergas non o actualizou nin respondeu as cuestións ao respecto.

Na pasada semana, en rolda de prensa, o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, cifrou en "máis de 6.000" as persoas con funcións de "detección e seguimento" da Covid-19. Unha cifra que pode chamar a engano, xa que nela o líder do Executivo galego incluíu persoal da Atención Primaria ou de Medicina Preventiva

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da terza feira, día 28, nos quiosques ou na nube]