Quinta xornada consecutiva de suba de casos activos na Galiza

Unha profesional sanitaria sostén un vial coa vacina de AstraZeneca (Foto: Juan Manuel Serrano Arce / Europa Press)
Galiza inicia a segunda semana do verán con 1.507 casos activos de Covid -tras aumentar por quinta xornada consecutiva- e 123 novos contaxios -tres menos-, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus increméntanse a 52 -catro máis- e a taxa de positividade sobe a un 3,5%.

Segundo os datos publicados na mañá desta segunda feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18,00 horas deste domingo, recollidos por Europa Press, aumentan a 14 os pacientes ingresados en UCI pola Covid -dous máis- e a 38 os que permanecen noutras unidades -dous máis-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe nas da Coruña e Cee; Pontevedra e O Salnés e Santiago e Barbanza; descende nas de Lugo; e mantense na de Ourense, Vigo e Ferrol.

Pola súa banda, os casos activos aumentaron por quinta xornada consecutiva no conxunto de Galicia a 1.507, que supoñen 56 máis que a xornada anterior, ao haber máis contaxios (123) que altas (67). Por tanto, sitúanse en niveis de principios da segunda quincena de agosto do ano pasado.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas increméntanse en seis das sete: A Coruña e Cee (+20), Pontevedra e O Salnés (+19), Vigo (+10), Ferrol (+4), Santiago e Barbanza (+2) e Ourense (+1), mentres que na de Lugo non hai cambios.

En canto aos novos contaxios de Covid-19 detectados con calquera tipo de proba arrincan esta semana con 123, tres menos que a xornada anterior, polo que se manteñen desde a quinta feitra pasada por riba do centenar -a pasada segunda feira informouse de 56-.

En toda Galiza foron confirmados 124 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos actualizados por Sanidade, tres menos que a xornada pasada, dos cales 43 corresponden á área da Coruña e Cee; 22, á de Vigo; 21, á de Pontevedra e O Salnés; 13, á de Lugo; nove, á de Ourense; outro nove, á de Santiago e Barbanza; e sete á de Ferrol.

Polo seu lado, a taxa de positividade das PCR inicia esta semana cun 3,54%, após reducirse ao 2,7% este domingo, despois de que o sábado estivese no 4,7%.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia mantéñense en 2.435 ao non notificar Sanidade ningunha vítima nas tres últimas xornadas.