Covid: o foco de Mallorca mantén en corentena máis de 600 persoas na Galiza

Test de antíxenos da Covid. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press )

Sanidade continuará esta semana con cribados por este surto.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) continuará esta semana cos cribados a mozos e mozas a raíz do foco vinculado ás viaxes de fin de curso a Mallorca, que deixa por agora 70 positivos en Galiza e sobre 600 persoas en corentena. Ademais, esta situación será analizada esta terza feira na reunión do comité clínico da Xunta.

Así o avanzan fontes da Consellería de Sanidade, que sinalan que hoxe informará dos resultados dos cribados realizados ao longo da fin de semana para tratar de atopar máis contaxios asociados a este foco.

Así mesmo, Sanidade volve facer un chamamento á prudencia e ao uso da máscara "segundo marca a norma", xa que segue sendo obrigatoria en espazos pechados e nos abertos se non hai distancia.

De igual modo, a Consellaría lembra que os botellóns "están prohibidos". "Sentidiño para non volver atrás", pide o departamento dirixido por Julio García Comesaña.

Segundo datos dados a coñecer esta fin de semana, o maior número de positivos asociados a este brote atópase na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés (48). Séguelle a máis distancia: a área de Lugo-A Mariña-Monforte (10); Vigo (8); e Ourense-Verín-O Barco (4). As áreas da Coruña-Cee, Santiago-Barbanza e Ferrol non detectaron casos polo gromo de Baleares até o momento.

Máis surtos explosivos

A propósito destes focos de contaxio que coinciden no tempo cun avance na desescalada, García Comesaña augurou novos "abrochos explosivos" da Covid-19 a medida que se relaxen as medidas, mesmo cando a vacina xa alcance "unha porcentaxe moi alta" da poboación.

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Comesaña advertiu ante estas repuntas non serán "tan abruptas" como a de Mallorca pero virán dadas, aclarou, polas novas variantes e porque "a vacinación non garante non coller a enfermidade".