A quinta vaga da Covid golpea Galiza

Varias persoas na reapertura do lecer nocturno en Vigo, o pasado 1 de xullo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
Os novos contaxios chegan a cifras comparábeis ás de febreiro: 412. Aliás, as persoas expertas insisten en vacinar cando antes a poboación menor de 30 anos.

A Galiza semella estar xa inmersa nunha quinta vaga da Covid-19. Segundo o último informe publicado pola Consellaría de Sanidade, con datos recadados até as 18 horas da cuarta feira, os casos activos volven medrar até os 3.231 (314 máis que na xornada anterior), ao tempo que os novos contaxios atinxen un novo récord só comparábel coas cifras de mediados de febreiro, 412 (+45).

Aliás, a taxa de positividade das probas diagnósticas sitúase en 8%, cada vez máis lonxe do limiar de 5% recomendado pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a transmisión vírica. E a incidencia acumulada repunta a respecto do día anterior, tanto a 7 días —69 casos por cada 100.000 habitantes, sete puntos máis— como a 14 días —110 casos, doce máis—.

A cifra de pasamentos desde o inicio da pandemia continúa en 2.439, ao non notificar Sanidade novos óbitos.

Pola contra, os internamentos hospitalarios non varían en termos globais, ao ficaren na UCI nove persoas (-3) e outras 49 en unidades convencionais (+3).

A área sanitaria da Coruña-Cee concentra o maior número de infeccións activas, 709 (+40), seguida de Vigo, con 636 (+64); Pontevedra-O Salnés, con 615 (+35); Ourense-Verín-O Barco, con 483 (+84); Lugo-A Mariña-Monforte, con 352 (+38); Compostela-O Barbanza, con 313 (+38), e Ferrol, con 123 (+15).

Urxen vacinar as persoas menores de 30 anos

Hoxe 1.332.843 persoas contan xa coa pauta completa da vacina contra a Covid-19 (54,3% da poboación susceptíbel de inmunizar), e até 1.763.126 recibiron xa, cando menos, unha dose (71,8%).

A Galiza avanza na vacinación do grupo de 30 a 39 anos, que principiou a semana pasada, con 42% coa primeira vacina. Porén, cada vez son máis as persoas expertas que urxen a inmunizar as persoas menores de 30.

Nesta quinta feira, o portavoz da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, o lucense Lorenzo Armenteros, afirmou que, "tal e como está a situación, a vacinación tense que volver converter nunha prioridade absoluta para estas franxas de idade".

De feito, a incidencia acumulada a 14 días na poboación de 12 a 29 anos triplica a do conxunto do país, no que Armenteros cualificou de "vaga moza". "Cando se toman medidas liberadoras e hai un sector da poboación non vacinado con alta tendencia á socialización, o que temos é unha explosión de contaxios", insistiu.

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, xa instara na cuarta feira os Gobernos territoriais a priorizaren este grupo.

Cribados para a mocidade

O Servizo Galego de Saúde (Sergas), pola súa banda, convocou entre esta sexta feira e a vindeira segunda feira máis de 10.000 persoas de entre 18 e 35 anos para participaren en cribados nos concellos de Caldas de Reis, Culleredo, Marín, Poio, Pontevedra e Ribadavia —todos eles no nivel medio de restricións a partir das 00 horas deste sábado— e Cambados —nivel alto—. Tamén poden participar, pedindo cita previa, as persoas de 16 a 35 anos de Ourense e Barbadás o sábado en Expourense.

Cómpre salientar que a participación nos cribados está a ser inferior a 50%.

As farmacias expedirán o certificado de vacinación

Noutra orde, os colexios farmacéuticos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra asinaron onte un protocolo co Sergas para poder expedir nas oficinas de farmacia os certificados Covid de vacinación, de probas diagnósticas —que agora xa están a realizar— e de alta da doenza.