A Quinta suma apoios para unir o Bierzo á Galiza

A enquisa máis recente afirma que a integración na Galiza é apoiada por 26% da cidadanía do Bierzo. (Foto: Nós Diario)
"A campaña está comezando con moi bo pé", sinalan desde o colectivo.

A campaña está comezando con moi bo pé e se cadra no futuro imos ampliala doutra maneira en función das condicións que impón a actual situación de pandemia”. Quen así fala é Alexandre Mateo, un dos integrantes do colectivo A Quinta, en relación coa recollida de sinaturas promovida pola entidade para solicitar unha reforma do estatuto de autonomía galego que permita que, se así o deciden a maioría de bercianos e bercianas, esta comarca pase a facer parte da Galiza.

Alexandre Mateo lembra a Nós Diario que “o movemento cidadán A Quinta naceu o 25 de xullo coa intención de sensibilizar a cidadanía do Bierzo e da Galiza e a clase política para dar os pasos legais que leven a modificar as leis autonómicas e do Estado para facer da rexión do Bierzo a 51 provincia de España e a súa integración na comunidade autónoma galega dentro do marco constitucional actual”. Mateo recoñece que “até o momento ningunha das forzas políticas galegas se ten posto en contacto con nós para expresarnos o apoio ás nosas reivindicacións” mais amósase convencido de que contan co apoio da totalidade das forzas políticas galegas para esta reclamación.

O tecido partidario do Bierzo mantense en silencio diante desta reivindicación. Así, Mateo indica que “a demanda dunha provincia é a reclamación histórica do bercianismo pero dentro deste hai dous sectores. A un deles élle indiferente que o Bierzo se constitúa como provincia dentro da Galiza ou de Castela e León pero outro defende a súa integración na Galiza. Unha parte importante do bercianismo está connosco na defensa da incorporación á Galiza”.

“A campaña que iniciamos estas semanas, con tres meses de atraso por culpa da situación sanitaria, ten como obxectivo plasmar en demanda tanxíbel as simpatías existentes no conxunto da sociedade do Bierzo para converter a nosa comarca na quinta provincia da Galiza”, manifestan desde A Quinta.

A falla de interese das formacións políticas ou das institucións diante da campaña da Quinta non se corresponde coa resposta cidadá. A maiores do alto seguimento da mesma, os diversos estudos de opinión coñecidos nos últimos meses apuntan a un sentir maioritario entre a poboación favorábel á incorporación á Galiza. En xaneiro o xornal Infobierzo publicou unha enquisa con 604 entrevistas onde 38% apostaba por sumarse á Galiza no caso de ir adiante a conformación dunha nova comunidade autónoma composta polas antigas provincias da rexión leonesa.

As conclusións apuntadas no estudo de Infobierzo son coincidentes con outras sondaxes máis recentes. Así, en maio de 2020, Electomanía deu a coñecer unha enquisa propia onde a integración na Galiza era apoiada por 26,2% da cidadanía do Bierzo, sendo a opción maioritaria por diante de continuar en Castela e León. Ao tempo, 72,4% dos galegos defendían a integración do Bierzo na Galiza, 52,4% deles co status de provincia.

Os membros da Quinta son conscientes do longo camiño que teñen por diante e seguen sumando forzas para “constituír como provincia os 38 concellos que conforman a actual comarca administrativa do Bierzo e a súa posterior incorporación á comunidade autónoma da Galiza de acordo ao marco constitucional vixente”.