Unha quincena de elementos patrimoniais, ameazados polos eólicos no Monte do Gato

Mapa cos seis parques eólicos que proxectan Greenalia e Galenergy no Monte do Gato e as zonas da Reserva da Biosfera (Infografía: Nós Diario).
Alén do BIC da Torre de Teodomiro, o arqueólogo Antón Malde acha outros elementos de "gran valor e fraxilidade" dos que vén de informar á dirección xeral de Patrimonio da Xunta.

A plataforma cidadá Aire limpo nas Mariñas-Mandeo vén de informar, a través dun comunicado, de que na prospección realizada polo arqueólogo Antón Malde no Monte do Gato atopáronse, alén da xeolocalización exacta da Torre de Teodomiro —declarada Ben de Interese Cultural (BIC), outros 15 elementos patrimoniais "de grande importancia".

Trátase, entre outros, do Marco do Castelo, a Cruz de Campo Xaneiro e unha rede de vías históticas entre as que se atopa unha ruta do Camiño de Santiago que aparece referenciada na Carta Xeométrica de Domingo Fontán de 1845.

O arqueólogo afirma estar ante un "entorno histórico-cultural dun período do que apenas hai vestixios, polo que o seu valor podería compararse ao da Ribeira Sacra".

Malde destaca o "bo estado de conservación" dos elementos, mais sinala que estes achados son "de gran fraxilidade", polo que "calquera paso de maquinaria pesada ou de construción podería ser fatal".

Para a elaboración do informe técnico, que vén de entregar á dirección xeral de Patrimonio da Consellaría de Cultura, Antón Malde e o seu equipo fixeron unha importante revisión documental con máis dun centenar de textos históricos analizados, entre eles as "minutas cartográficas elaboradas concello por concello en 1927 por un enxeñeiro do Instituto Xeográfico do Exército". Sobre esta base procedeuse a traballar no terreo co emprego de "modernas técnicas de análise xeográfica".

Unha vez presentado o informe, Malde comeza agora a elaboración dunha memoria detallada que recollerá o "verdadeiro alcance e perimetración" destes restos históricos, a fin de que Patrimonio adopte "as medidas de protección pertinentes fronte a ameaza dos parques eólicos".

Corenta turbinas no Monte do Gato

A Xunta da Galiza, como xa informou este xornal, está a tramitar seis parques eólicos na contorna do Monte do Gato, nos termos municipais de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras, que sumarían un total de 40 aeroxeradores. Tres deles promóveos Greenalia SA —Felga, Gato e Penas Boas—, e os outros tres Galenergy SL —Feás, Fontella e Seselle—.