Quince meses de cárcere para cada un dos 3 estudantes que protestaron contra Feijóo na USC. "Somos inocentes"

Aceptaron un pacto coa acusación para, afirma Aarom Curbeira, un dos encausados, “evitar a prisión”, mais manteñen a súa inocencia e agradecen as mostras de apoio e solidariedade.

Quince meses de cárcere para cada un dos tres estudantes que tomaron parte hai un ano nun escrache a Feijóo na Universidade de Compostela. Aarom, Mario e Atanes aceptaron esta petición após un acordo entre os seus avogados e a acusación, que nun principio pedía até 9 anos de prisión para os tres mozos. “Aceptamos o pacto simplemente para evitar entrar en prisión”, relata Aarom Curbeira a Sermos Galiza. “Mais somos inocentes”, insiste. 

Ademáis dos 15 meses de prisión para cada un (9 meses por 'atentado' e 6 por 'desordes públicas'), Aarom e Mario asumen unha multa de 150 euros cada un, mentres que para Atanes o importe da sanción é de 700 euros. Tamén van ter que estar localizábeis durante 6 días (Aarom e Mario), e 7 días para Atanes.

Solidariedade

“Aceptamos porque nesta xustiza vale máis a palabra dun policia que as probas que poidamos achegar nós. Ou sexa, que acusación e defensa non están en igualdade de condicións. E o pacto librábanos de ir ao cárcere”, explica Curbeira, que agradeceu as mostras de apoio e solidariedade de organizacións galegas, vascas e cataláns, alén doutros territorios.

Na entrada dos Xulgados de Fontiñas decorreu unha concentración de solidariedade cos 3 estudantes, mobilización na que estiveron presentes representantes de diversas entidades e organizacións, como Xosé M. Beiras e Antón Sánchez (Anova) ou Bieito Lobeira, Rubén Cela e Rafa Vilar (BNG).