Comeza o xuízo contra 3 estudantes por un escrache a Feijóo

O movemento de solidariedade convoca unha concentración esta terza feira (10 de novembro) ás portas dos xulgados de Fontiñas (Compostela).

 

Esta terza feira (10 de decembro) dará comezo o xuízo contra Aarom, Atanes e Mario, @s tres estudantes para as que Fiscalía pide tres anos de prisión para cada un (9 en total) por un escrache contra o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, coicidindo coa súa participación nunha palestra na Facultade de Matemáticas da USC.

Pola súa banda a acusación particular reclama 2 anos e medio para cada un (sete e medio en total). Aliás, solicítase unha multa de por volta duns 1.200 euros para cada un en concepto de indemnización.

Aarom Curbeira: "Colléronnos como cabeza de turco

Ás persoas encausadas impútanselles supostos delitos de “atentado á autoridade” ou “desordes”. En conversa con Sermos Galiza, Aaron C., un dos tres estudantes que serán xulgad@s, aseguraba que o obxectivo do proceso xudicial iniciado é "meter medo". Defenden que a protesta contra o presidente da Xunta foi "totalmente pacífica" e denuncian que o atestado policial está "inzado de mentiras e incorreccións". 

Daquel incidente pasou xa un ano --tivo lugar o 23 de outubro de 2014, porén a vista oral comezará agora. O movemento de solidariedade arredor d@s imputad@s convoca unha concentración ás portas dos xulgados de Fontiñas (Compostela) ás 10 horas coincidindo co inicio da vista.