Queres ir de campamento este verán? Ollo ao prazo de inscripción

Participantes no programa de campamentos da Xunta da Galiza nunha edición pasada. (Foto: Xunta da Galiza)

A oferta desta tempada estival para os campamentos e os campos de voluntariado de verán conta con 11.500 prazas, 300 máis que na pasada edición

As prazas para os campamentos e campos de voluntariado de verán organizados pola Xunta poden solicitarse desde esta mesma cuarta feira até o próximo 30 de abril.

En total, a oferta desta tempada estival conta con 11.500 prazas, 300 máis que na pasada edición, segundo recolle unha nota de prensa do Goberno galego esta cuarta feira, xornada no que o Diario Oficial da Galiza publica a orde de convocatoria.

As novidades deste ano están na estrea de tres novos campamentos: o do Monte do Gozo de Compostela, orientado á música; o de Becerreá (Os Ancares), sobre o mundo agroforestal; e o de Allariz (comarca de Allariz-Maceda), situado no Centro de Formación Valverde.

Ademais, a oferta desta tempada tamén inclúe unha convocatoria específica para persoas con discapacidade que conta de novo con 250 prazas que poderán solicitarse a través da web da Consellaría de Política Social.

En canto aos campos de voluntario, o prazo para a primeira quenda tamén ficou aberto, coa novidade da creación de cinco novos de carácter estatal —Aranga (As Mariñas), Samos (comarca de Sarria), Ribadavia (O Ribeiro), Poio (comarca de Pontevedra) e Ponteareas (O Condado)— e outro de índole internacional —A Merca (Terra de Celanova)—.

Así mesmo, o Castro de Viladonga, situado no municipio de Castro de Rei (A Terra Chá), volverá a acoller este verán o campo de voluntariado específico para persoas galegas do exterior.

Cesión de espazos

Doutra banda, abriu o período para que as entidades que organicen actividades para grupos de mozos e mozas poidan solicitar a cesión de instalacións que forman parte da rede da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Ademais, a oferta deste verán inclúe un novo programa de lecer alternativo que terá lugar de quinta feira a domingo nos albergues de Allariz, Cabana de Bergantiños e A Devesa (Ribadeo, A Mariña), así como no complexo Cemar de Mondariz (O Condado) e no albergue de montaña de Trevinca (A Veiga, comarca de Valdeorras).