Queres cultivar un horto? Aprende a facelo co coleccionábel de ‘Nós Diario’ que comeza hoxe

Aprende a cultivar con 'Nós Diario' (Imaxe: Nós Diario)

Gostarías de crear un horto? Podes aprender a facelo co novo coleccionábel que desde hoxe acompaña Nós Diario: Mans á terra. Son 17 entregas en que se achegan as nocións básicas para poder cultivar desde cero, partindo da agricultura ecolóxica. E se non tes terreo no exterior nin unha terraza ou balcón, tamén che ofrecemos alternativas.

Son 17 as entregas do novo coleccionábel de Nós Diario “Mans á terra” que ve hoxe á luz co xornal e que se publicará de terzas a sextas feiras durante o mes de abril. Un curso para cultivar unha horta na casa: nun terreo exterior, nunha terraza ou balcón e mesmo no interior dun piso.

Da autoría de Eva Cameán, voluntaria e monitora da escola ambiental da Asociación Senda Nova e unha das impulsoras da horta comunitaria Sementando no Espazo de Carballo, o curso ofrece paso a paso todas as chaves para comezar a cultivar desde cero.

Unha temática por cada lección

Cada entrega corresponde cunha unidade en que se explica os diferentes traballos e as propostas de reutilización de materiais, así como receitas para coidar dos cultivos. Neste primeiro número que podes atopar hoxe nos quiosques, faise un repaso polos utensilios precisos para comezar a preparar a horta sen grandes investimentos, pois pártese da base de aproveitar todo o que nos rodea.

Na segunda unidade, que acompañará Nós Diario a terza 6 de abril aprenderemos a preparar compost caseiro para reducir residuos e fortalecer os cultivos. A importancia das sementes e coñecer os cultivos máis sinxelos para se iniciar nun horto tamén se tratarán nas primeiras leccións, ao igual que as necesidades de substrato, de terra e de auga.

As pragas máis comúns, como previlas e remedios para lles facer fronte partindo da agricultura ecolóxica son outras das temáticas nas que afonda este curso, que tamén descobre flores comestíbeis e plantas medicinais pouco comúns e ofrece recursos para conservar alimentos de maneira segura e correcta.

Cada un dos fascículos, inclúe un “Eco-consello”, un refrán popular relacionado co cultivo e coa Galiza e pautas para realizar preparados naturais para coidar a horta. Sempre coa chave dos tres R: reducir, reutilizar e reciclar.

Explica o espírito deste coleccionábel a propia Eva Cameán nunha entrevista publicada en Nós Diario: "As lectoras e os lectores de Nós Diario atoparán neste suplemento as nocións básicas para cultivar por si mesmas dun modo sustentábel, respectuoso co medio, apostando pola ecoloxía e a reutilización de elementos. 

Este novo coleccionábel distribúese conxuntamente con Nós Diario durante 17 entregas, entre 1 e 30 de abril de 2021. Se aínda non es subscritora ou subscritor, non dubides en adherirte canto antes! Non vaias perder a oportunidade de aprender paso a paso a levar a túa horta!