RECLAMARON DIANTE DO PARLAMENTO O COBRO DAS SúAS PENSIóNS E UN MELLOR TRATO FISCAL

Os emigrantes retornados síntense "roubados"

Os emigrantes retornados protestaron perante o Parlamento de Galiza. Foto: Adrián Ferro

As plataformas de emigrantes retornados de Galiza e a Asociación Long Hope manifestaronse esta sexta feira, de mañá, para reclamaren, por unha banda, a igualdade fiscal cos pensionistas non emigrados e, por outra o cobro das pensións dos mariñeiros que traballaron en Noruega que si pagaron impostos, mais que non obtiveron as prestacións por xubilación á que terían direito segundo a lexislación internacional.

A concentración arrancou da Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela e rematou diante do Parlamento de Galiza para esixir que as súas reclamacións sexan atendidas. Os emigrantes retornados levan xa case 3 anos en loita sen seren escoitados.

"A partir de 11.200 euros temos que declarar. Non reclamamos privilexios, senón igualdade”

Dende a Asociación de Emigrantes Retornados de Ponteareas, Octavio Méndez, reclamou un trato equivalente ao dos pensionistas nacionais que teñen un limiar maior de retribución á hora de facer a declaración da renda: “Nós a partir de 11.200 euros temos que declarar. Non reclamamos privilexios, senón igualdade”. Octavio, ademais, comunicou a esixencia das asociacións de que "solucionen o problema e deixen de roubarnos desa maneira".

“Meu marido tivo que voltar e traballar cobrando unha miseria despois de 22 anos alá”

Os membros da Asociación Long Hope viven unha situación diferente. Son mariñeiros que traballaron durante décadas en Noruega e aos que se lles nega o dereito a recibir a pensión polo tributado no país nórdico. Josefa Pérez protestaba polo dereito a recibir o diñeiro que lle descontaron ao seu marido, xa finado, durante a súa estancia no país escandinavo: “Meu marido tivo que voltar e traballar cobrando unha miseria despois de 22 anos alá”, afirmaba Josefa.

Os traballadores retirados xa suman máis de dous anos realizando protestas mensuais en busca de solucións e un diálogo que aínda non atoparon, por parte das institucións gubernamentais, a un problema que afecta a emigrantes de toda Europa.