Queremos Galego sae á rúa en defensa da lingua

Manifestación en defensa da lingua da Plataforma Queremos Galego (GZ Contrainfo).
A plataforma cidadá Queremos Galego volverá ocupar as principais prazas da Galiza perante a situación de emerxencia lingüística que vive o país. O lema da convocatoria é ‘Emerxencia lingüística. Precisamos do galego’, e terá lugar nas 7 cidades galegas simultaneamente ás 20 horas. En Santiago, na Praza do Toural; na Coruña, no Obelisco; en Ferrol, na Praza Amada García (diante da delegación da Xunta); en Lugo e en Ourense, na Praza Maior; en Pontevedra, na Praza da Peregrina; e en Vigo; na Praza da Princesa.

Baixo o lema Emerxencia lingüística. Precisamos do galego a plataforma cita a cidadanía esta quinta feira, ás 20 horas, nas principais cidades do país para exixirlle ao Goberno da Xunta e do Estado o cumprimento das demandas do Concello de Europa, moi crítico cos condicións lingüísticas que impón na Galiza o Decreto do Plurilingüismo de 2010.

A raíz da entrada en vigor dese texto, asegura o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, a situación do galego entre a poboación máis nova agravouse. “Os datos do Instituto Galego de Estatística son preocupantes, nomeadamente, ese 24% de rapaces e rapazas menores de 15 anos que din ser incapaces de falar galego”, afirma. “Se hai 10 anos a cifra xa era alta, nesta década a tendencia foi á alza”.

Carta europea das linguas

A esta evidencia, sumouse na última semana a chamada de atención que o Consello de Europa lle fai ao Goberno galego máis ao Estado para que atendan ao cumprimento dos mandados da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas. “As recomendacións do Consello de Ministros son de obrigado cumprimento para as Administracións, e por primeira vez subliña unha clara exixencia ao Executivo da Xunta para que elimine todas barreiras para ao ensino do galego na Galiza”, lembra Maceira.

As exixencias do Consello de Europa á Xunta e ao Estado son resultado da mobilización social destes anos en defensa da lingua

Desta volta, o Consello de Ministros europeo fai referencia explícita a Galiza e aos obstáculos que existen para que o galego sexa a lingua vehicular en todo o ensino, “algo que non ocorrera nunca”, destaca o presidente da Mesa, un éxito que lle atribúe “á mobilización social destes anos, especialmente contundente e poderosa, para iniciarmos, ademais, unha serie de accións internacionais que nos permitiron documentar e denunciar a vulneración dos dereitos lingüísticos que a cidadanía nos traslada”.

Agora, di, toca manter este nivel de esforzo e mobilización para que Xunta e Estado cumpran cos requirimentos de Europa. “Á forza da cidadanía que se manifeste na rúa seguiremos denunciando ante as institucións europeas algo que sitúa o Goberno galego ao nivel de Hungría e Polonia, algo sen precedentes”, incide, “como é restarlle validez e lexitimidade ao comité de ministros do Consello de Europa”.

Intensidade na defensa da lingua

Con todo, sinala Maceira, é necesario que esa reclamación internacional se sinta nas rúas. “Esperamos que a mobilización sexa masiva para facerlle ver ao Estado que queremos xustiza en galego, e ser administrados en galego; na Seguridade Social, en Facenda, ante as forzas de seguridade; máis para deixarlle claro á Xunta que urxe a derrogación do decreto contra o galego no ensino”.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística avanza que no ano novo acudirán a Estrasburgo para defender, xunto con outras entidades do resto do Estado, os dereitos lingüísticos da cidadanía galega e de cada territorio con lingua propia, un dos dereitos humanos fundamentais. Se ben, o que reclama, nun futuro inmediato con máis apremio, é “un acompañamento eficaz da entidade que representa ás institución públicas para o cumprimento das demandas sociais” en materia lingüística.

Desde Queremos Galego, defenden que a súa continuidade no seo da cidadanía “mantén viva a loita pola lingua”. Sostén Marcos Maceira que na medida en que a plataforma secunde o seu compromiso co propio idioma “o galego permanecerá". Pero sen perder de vista, di "que se non exercemos máis intensidade na defensa da lingua, o galego correrá máis perigo do que xa corre”, conclúe.