Pode mercar James Rhodes a Casa Cornide? Eis a ‘curiosa’ proposta que fixo en redes sociais

James Rhodes e a Casa Cornide. (Fotos: Europa Press/Concello da Coruña)
O edificio está a espera de que a Xunta resolva definitivamente a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).

Esta semana, varios usuarios e usuarias de redes sociais denunciaron que a Casa Cornide (A Coruña), propiedade da familia do ditador Francisco Franco e baixo a protección do réxime de Ben de Interese Cultural (BIC), aparecerá de novo á venda, igual que xa ocorrera en 2020.

Despois de que os medios de comunicación recollesen a noticia nos seus portais dixitais, as mesmas redes sociais enchéronse de centos de comentarios sobre este feito, entre denuncias pola inacción da Xunta e mensaxes nun ton máis distendido.

Entre as persoas que comentaron esta situación, destacou a do pianista inglés James Rhodes, nado en 1975 en Londres, e coñecido pola súa especial relación coa Galiza e co galego, que adoita falar na súa conta de Twitter. O compositor, nesta mesma rede social, asegurou que lle “gustaría mercar esta casa [a Casa Cornide] e convertela nun espazo para concertos, exposicións de arte, unha libraría e cousas bonitas”.

“Sería iso malo?”, engadiu Rhodes, para despois detallar que xa enviara un correo á inmobiliaria empregada polos Franco para intentar vender o edificio, Philippot&Loyd Real State, preguntando polos detalles. “É un pouco fantasioso, pero a ver que din”.

Condición BIC da Casa Cornide

O inmóbel dispón desta condición de protección especial desde maio de 2021, cando a Xunta da Galiza aprobou a incoación do expediente para declarar a Casa Cornide Ben de Interese Cultural.

Desde o momento da aprobación do expediente de incoación, o Goberno galego contaba cun prazo máximo de dous anos para formalizar a súa resolución definitiva. Neste sentido, ese prazo remataría en maio desde 2023, sen que polo de agora se teña coñecemento de que o Executivo levase a cabo ingún tipo de procedemento para a súa inclusión definitiva nos BIC.

Iso non quita que a propia incoación dote de protección BIC a Casa Cornide, o que supón que tanto a Administración como a propia familia Franco deben cumprir unha serie de requirimentos legais, tanto no que se refire á apertura ao público do edificio como a propia preservación do propio inmóbel e dos bens que aínda permanecen no seu interior.

Porén, os herdeiros do militar golpista volveron poñer á venda a Casa Cornide. O anuncio é practicamente o mesmo que o publicado en 2020. No portal inmobiliario Fotocasa, Philippot&Loyd Real State destaca que se trata dunha "casa ou chalé" na Cidade Vella, con 11 habitacións, 13 baños e 1.430 metros cadrados, ademais de 287 metros cadrados de terreo.