Forte caída das precipitacións

Quen dixo que na Galiza sempre chove?

[Imaxe: SG] En 2050 prevese que chova menos da metade do que chove hoxe en día.

Masas de aire frío e borrascas forman parte do verán de 2019, mais que hai de certo en que na Galiza sempre chove? Nada. Un informe do Observatorio da Sustentabilidade sobre a evolución das precipitacións desmonta o mito.

Os dados fornecidos pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) valéronlle ao Observatorio da Sustentabilidade para determinar que na Galiza cada vez chove menos. O informe sobre a evolución das precipitacións demostra que entre 1981 e 2018 Galiza experimentou unha forte diminución das chuvias, cunha taxa de variación de -1,54. A nivel estatal é onde máis caen as precipitacións, seguido das Canarias (-0,76).

As comarcas do Baixo Miño, Caldas, O Condado, Deza, O Morrazo, Paradanta, Pontevedra, O Salnés, Tabeirós-Terra de Montes, Val da Louriña, Val Miño e Vigo son as que máis viron reducirse as precipitacións nos últimos 38 anos, un -2,11.

En canto a localidades destacadas, chama a atención o caso de Vigo. Cos rexistros dos últimos 68 anos acumula unha pendente de -6,50 e lidera, tamén a nivel estatal, as cidades con tendencia negativa. O dado duplícase se tomamos os rexistros dos últimos 38 anos. Aí a pendente chega a -12,68.

O Observatorio augura para 2050 un importante descenso da chuvia no noroeste peninsular e insiste en que se rexistrarán reducións “de forma moi grave” nas áreas da Galiza interior. As comarcas dos Ancares, Chantada, A Fonsagrada, Lugo, Quiroga, Sarria, Terra de Lemos, Terra Cha, A Ulloa, Allariz, A Baixa Limia, A Limia, O Carballiño, Ourense, O Ribeiro, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Verín e Viana perderán, segundo as previsións deste órgano, máis de 500 litros por metro cadrado de precipitación anual. Isto significa que choverá menos da metade do que chove na actualidade.

Recentemente, un informe internacional do Instituto de Recursos Mundiais incluía comarcas galegas no risco de nivel medio e alto de estrés hídrico, é dicir, con probabilidade de consumir máis auga da dispoñíbel e ir ao colapso.