O estrés hídrico ensina a patiña por baixo da porta da Galiza

Imaxe: WRI

Consumir máis auga da dispoñíbel leva ao colapso. Un informe internacional alerta de que unha cuarta parte da poboación vive en risco extremo de estrés hídrico, documento que sitúa ese risco en nivel medio alto para determinadas comarcas de Ourense, Lugo e Pontevedra.

Hai 17 Estados -nos que vive unha cuarta parte da poboación mundial- que están nun risco extremo de estrés hídrico. É dicir, que están perigosamente encamiñados cara ao 'Día Cero', ese día en que ao abrir a billa non saia auga porque, simplemente, se esgotou. Quatar, Israel, Líbano, Irán ou Xordania lideran esa clasificación dos dezasete, nos que figuran países de Oriente Medio, Asia e África. Alí, a agricultura, a industria e as poboacións consomen máis de 80% da auga da que dispoñen.

Isto é do que nos advirte o WRI, Instituto de Recursos Mundiais, organización que traballa no campo de medio ambiente e que vén de publicar unha clasificación sobre o risco de estrés hídrico por países. O denominado estrés hídrico é un fenómeno cada vez máis frecuente: a demanda da auga aumenta, mais as reservas existentes, non. O WRI analiza como é esa realidade nas diferentes zonas e territorios.

Galiza

Así, nos mapas que presentou esta semana, tamén se pode coñecer cal é a situación da Galiza. E poderiamos falar de dúas Galizas. Unha, comprendida polas comarcas ourensás, as do sur de Lugo e o leste dos concellos pontevedreses, presenta un risco de estrés ambiental 'medio-alto'. É dicir, que consomen até 40% dos recursos hídricos que teñen.

Outra parte do país, norte de Lugo e concellos coruñeses, están en risco 'medio-baixo', que é que ese consumo se sitúa entre 10 e 20% da auga dispoñíbel.

É unha situación, desde logo, mellor que a dos nosos veciños. Portugal ten o norte en risco 'medio-alto', unha zona centro en risco 'alto' (consumo de até 80% da auga) e un sur en risco 'extremadamente alto', igual que o que teñen Quatar, Israel ou Líbano. Consome máis de 80%. Na clasificación de WRI Portugal ocupa o posto 41 de 164 entre os países con ese estrés.

Peor é a situación de España, que figura de 28, na categoría de 'risco alto'. E con zonas, de Andalucía, Levante e Castela-A Mancha, en risco extremadamente alto.

“Os motivos destas crises van alén da seca”, explican desde a WRI. “A través de novos modelos hidrolóxicos, comprobamos que as retiradas de auga a nivel mundial máis que se duplicaron desde a década de 1960 debido á demanda de auga crecente e non mostran signos de desaceleración”.

Propostas

Esta organización, porén, chama a non caer no catastrofismo e propón tres vías de reducir o estrés hídrico. A primeira, aumentar a eficiencia agrícola a través dun mellor aproveitamento da auga. “Os agricultores poden usar sementes que requiren menos auga e mellorar as súas técnicas de irrigación mediante o rego con precisión en vez de anegar os seus campos. Os financeiros poden fornecer capital para investimentos en eficiencia da auga, mentres que os enxeñeiros poden desenvolver tecnoloxías que melloren a eficiencia na agricultura. E os consumidores poden reducir a perda e o desperdicio de alimentos”. Outra proposta: “as infraestruturas construídas (como tubaxes e plantas de tratamento) e as infraestruturas verdes (como humidais e concas hidrográficas saudábeis) poden funcionar en conxunto para resolver problemas tanto sobre abastecemento de auga como sobre calidade de auga”.

E unha terceira, “Tratar, reutilizar e reciclar”. “Debemos deixar de pensar nas augas residuais como residuos. Tratalo e reutilizalo crea unha "nova" fonte de auga. Tamén hai recursos útiles en augas residuais que se poden coller para reducir os custos de tratamento de auga. Por exemplo, as plantas de Xiangyang, China e Washington, D.C. reutilizan ou venden os subprodutos ricos en enerxía e nutrientes capturados durante o tratamento das augas residuais”.