Semana da Prensa na Escola

O que os xornais nos contan... e non nos contan: o IES A Cachada de Boiro analiza o único diario en galego

O traballo na aula con 'Nos Diario' permitiu ao alumnado de 1º da ESO do IES A Cachada dar as clases de Lingua Galega de xeito máis ameno.
Alumnado de 1º da ESO do IES A Cachada de Boiro (O Barbanza) asina a segunda entrega do especial Semana da Prensa na Escola que 'Nós Diario' publica estes días para dar a coñecer as moitas posibilidades que ofrece a prensa escrita nas aulas e o traballo que as estudantes realizan nos centros de ensino.

Coincidindo coa Semana da Prensa na Escola, que este ano se conmemora na primeira semana de marzo, á nosa profesora de Lingua Galega, Alexandra Pacheco, ocorréuselle a idea de explicarnos ao alumnado máis pequeno que ten no IES A Cachada de Boiro, é dicir, ao de 1º da ESO, todo o relacionado co mundo das noticias.

Comezou por escoller un xornal e amosarnos todas as seccións que ten, desde a capa ata a contracapa: Galiza, Internacional, Cultura, Deportes, sen esquecer os Pasatempos, nos que tamén quixemos parar, botar un ollo e enredar un anaco. Despois detivémonos nas noticias e nas súas partes, ademais de reparar noutros xéneros xornalísticos, como a entrevista, a reportaxe ou a columna de opinión.

Xiao e Mateo, do grupo B de 1º ESO, moi centrados na busca das 6 W's nunha noticia da sección 'Galiza'.

Único en galego

Todo isto fixémolo coa axuda do xornal Nós Diario, o único xornal escrito en galego que se publica hoxe cada día en Galiza, algo que a maioría non sabiamos e que nos sorprendeu bastante, a verdade, habendo como hai un feixe de xornais, mais só este escrito na nosa lingua.

Hoxe en día case todos os xornais teñen unha versión en dixital, que tamén estivemos vendo. Isto pode ser bo, xa que permite actualizar as noticias ao logo do día e os xornais de papel, non. Pero segue sendo moi importante lelos para continuar con esa cultura, que se remonta a moitos anos atrás. En xeral a xente prefire ler os xornais dixitais porque as noticias aparecen máis resumidas e está comprobado que a xente cada vez le máis as noticias cando son curtas.

Irene e Ángela achegáronse á realidade do cambio climático a partir dunha reportaxe sobre os seus efectos no agro.

'Fake news'

Pero "ollo ao piollo", como di a profe, porque ademais de ver as seccións e as partes da noticia, tamén aproveitamos para falar un pouco das fake news ou falsas noticias. Miles de noticias inventadas que circulan todos os días, sobre todo polas redes sociais, moitas delas sobre famosos, e que a maior parte das veces se usan para gañar máis seguidores, é dicir, máis likes e, polo tanto, máis diñeiro. O xornalismo está en crise, xa que estas noticias falsas estanse a facer cada vez máis virais, pois pódenas escribir todo tipo de usuarios en calquera plataforma e en calquera momento do día, e mesmo ás veces son xeradas por intelixencias artificiais que as crean, coma a famosa ChatGPT.

Alexandra, como antes de ser profesora foi xornalista, tamén nos explicou que detrás dos medios de comunicación case sempre hai empresas ou xente que ten intereses políticos e económicos, influíndo iso en como contan algunhas informacións.

Martina dedica un tempo da materia de Lingua a revisar os titulares e identificar vocabulario descoñecido.

Outros intereses

Aínda así, e a pesar de que moitos de nós, con 12 anos, nunca tiveramos un xornal de papel nas nosas mans (isto notouse moito na pouca habilidade que demostraron algúns compañeiros á hora de manexalo na aula e á hora de reordenalo despois de traballar con algunhas das súas páxinas), chegamos á conclusión de que podería ser unha ferramenta interesante para traballar con ela nos centros educativos. E concretamente, Nós Diario tamén podería facer que o galego se manteña entre a xente nova e non se perda, como xa está pasando con moitos rapaces da nosa idade. Aínda que para iso deberían contar con máis contidos interesantes para a rapazada que, polo que vimos, case ningún ten. Nós deixamos aí esta recomendación, para que quen a lea se poña a pensar e saque as súas propias conclusións.

Un recurso didáctico máis para saber de nós

"No IES A Cachada contamos cunha revista escolar anual, Xanela, que se nutre de publicacións que o alumnado do centro vai realizando ao longo do curso. De aí que a análise da prensa e das súas posibilidades didácticas sexa un recurso habitual na aula, especialmente co alumnado de 1º da ESO", sinala a profesora Alexandra Pacheco.

"Non é  este o mellor momento para a prensa escrita, pero o xornal sempre é un ferramenta ben acollida pola rapazada, pouco afeita a traballar con textos que lles falen do que pasa hoxe e do que acontece ao seu redor. Con todo, a sección de Deportes segue sendo a predilecta".