A intelixencia artificial xa pode substituír dous terzos dos oficios actuais. Cales son os máis ameazados?

"Podemos chegar a un punto en que o sistema económico considerará millóns de persoas como completamente inútiles", algo que tería, na súa opinión, unhas "consecuencias psicolóxicas e políticas horríbeis", sinala un equipo investigador.
A aplicación ChatGPT xera respostas a partir dunha intelixencia artificial. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A aplicación ChatGPT xera respostas a partir dunha intelixencia artificial. (Foto: Nós Diario)

Ao redor de dous terzos das profesións que existen no mercado laboral estadounidense estarán expostos a algún grao de automatización a medida que avanza a tecnoloxía en materia de intelixencia artificial (IA), estimaron recentemente dous investigadores do banco de investimento Goldman Sachs.

A tendencia afectaría sobre todo as profesións administrativas (46%) e legais (44%), mentres que nos oficios con traballos físicos intensos, como a construción e o mantemento, prevese unha exposición moito máis baixa: 6 e 4%, respectivamente.

Os investigadores precisaron que tiveron en conta principalmente servizos de IA como ChatGPT, DALL-E e LaMDA e calcularon que en Europa (ou máis estritamente, na eurozona) o alcance do cambio pode ter os mesmos valores.

Trataríase dunha "perturbación significativa" para o mercado laboral, que exporía á automatización e despedimentos a un equivalente de 300 millóns de traballadores a tempo completo nas grandes economías, segundo os autores.

O director de Información do mesmo grupo bancario, Marco Argenti, comparou coa invención da imprenta o impacto dos avances tecnolóxicos relacionados cos chatbots. A tecnoloxía na cal se basean, coñecida como modelo de linguaxe extensa (LLM), pode redefinir a "forma en que acumulamos, codificamos e distribuímos o coñecemento", dixo a semana pasada durante un simposio de tecnoloxía disruptiva decorrido en Londres.

Na opinión de Argenti, vén unha "revolución do coñecemento", porque, por primeira vez, a tecnoloxía permite "capacitar a un LLM sobre todo o que escribimos, todo o que dixemos, todo o que publicamos", interactuar con algo que representa o coñecemento dun colectivo "e despois este coñecemento acumúlase ao longo dos anos".

"Millóns de persoas consideradas inútiles"

Outro equipo investigador, que inclúe varios científicos das universidades de Nova York, Pensilvania e Princeton, sinalou en marzo os empregos de televentas e os de profesores de literatura, historia, dereito e linguas como os máis ameazados pola expansión dos chatbots.

Por outro lado, un estudo do experto da Oficina Nacional de Estudos Económicos (Massachusetts, EUA) David Autor e tres coautores, publicado en agosto pasado, atribuíu máis de 85% do crecemento do emprego nos últimos 80 anos ao desenvolvemento das tecnoloxías. 60% dos traballadores de hoxe, segundo esta análise, están ocupados en postos de traballo que non existían nos anos 1940. Neste sentido, "novo traballo emerxe en resposta a innovacións tecnolóxicas", apuntaron.

A perda de empregos figura entre os perigos máis graves que prevé o historiador israelí e autor do 'bestseller' internacional Sapiens: De animais a deuses, Yuval Noah Harari, quen compartiu en The Daily Telegraph o pasado domingo unha visión sombría do futuro para a humanidade.

"Podemos chegar a un punto en que o sistema económico considerará millóns de persoas como completamente inútiles", algo que tería, na súa opinión, unhas "consecuencias psicolóxicas e políticas horríbeis".

Ademais, o desenvolvemento da IA implica máis perigos para as democracias que para un réxime autoritario, destacou Harari, posto que a democracia brota do diálogo social. "As persoas fálanse. Se o diálogo pasa a mans da intelixencia artificial, iso porá fin á democracia", vaticinou.

Comentarios