Que Voltem á Casa insta a BNG e AGE a levar ao Parlamento a situación d@s pres@s independentistas

A plataforma Que Voltem á Casa valorou as xuntanzas mantidas cos grupos parlamentares do AGE e BNG, aos que solicitou que fixesen xestións para poñer fin á situación d@s pres@s independentistas

 

As e os representantes da plataforma Que Voltem á Casa informaron a AGE e BNG da situación na que se atopan os nove presos independentistas galegos,  sometidos a unha política de dispersión que os mantén encarcerados a centos de quilómetros da súas casas e familiares, para alén de sofrer a aplicación doutras medidas de excepción.

Así, a plataforma sinala nun comunicado que entregaron aos representantes de AGE e BNG diversa documentación da realidade que teñen que sofrer estes presos. Aliás, tamén lles entregaron diversa documentación en materia penitenciaria de organismos internacionais que o goberno español "incumpre reiteradamente" malia ter asinados convenios e acordos ao respeito.

A plataforma solicitou a ambos grupos parlamentares que fixesen xestións en eidos como instar á Secretaría de Institucións Penitenciarias a que transfira a estes nove independentistas a cadeas ubicadas na Galiza, ou ben que se elimine a aplicación automática do primeiro grao a estes presos.

Tamén solicitou Que Voltem á Casa a AGE e BNG que realizasen una "interpelación urxente" no Parlamento galego sobre a política do goberno español en relación coas condicións dos presos e presas nas prisións do estado.