Que sabemos do furacán 'Danielle'? Os meteorólogos seguen sen descartar que poida afectar a Galiza

Posíbeis traxectorias de 'Danielle'. (Foto: Juan José González Alemán)
Nas últimas horas sufriu unha debilitación temporal.

O furacán Danielle, o primeiro que se forma no Océano Atlántico nesta tempada, segue a manter en alto os servizos de meteoroloxía de varios países, entre eles a Galiza. O seu comportamento anómalo e a súa propia orixe, difícil de explicar a estas alturas do ano e na súa situación xeográfica, orixinan diversas preguntas aos expertos que, polo de agora, non teñen resposta.

A primeira e máis evidente é saber que traxectoria collerá o furacán nos vindeiros días. Polo de agora, os modelos meteorolóxicos sinalan que esta masa tormentosa moverase cara ao leste, en dirección ao Reino Unido, aínda que manténdose moi lonxe das illas.

Porén, o European Centre for Medium-Range Weather Forecasts (ECMWF) mantén aberto un abano de posibilidades que levarían Danielle desde desprazarse até Groenlandia a entrar na península a través do norte de Portugal, o que podería deixar algúns efectos na zona sur da Galiza.

Este último escenario, segundo un mapa deseñado polo propio ECMWF, conta cunha probabilidade de 5% a 10%, aínda que como ben sinalan os meteorólogos, estes modelos de predición poden cambiar en calquera momento, polo que non será até os vindeiros días cando se saiba con máis certeza cal será o rumbo definitivo deste furacán.

Debilitación de Danielle

O National Hurricane Center (HNC) informou no día de hoxe que Danielle volvía ser considerada unha tormenta tropical, no canto dun furacán, despois de que se rexistrase unha debilitación. Malia isto, o HNC matiza que, con toda seguridade, nos vindeiros días, volverase fortalecer, recuperando a súa condición de furacán.

O físico e meteorólogo da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) Juan Jesús González Alemán, un dos máis reputados especialistas neste tipo de fenómenos, explicaba esta mañá que, se ben a debilitación tivo lugar “por cuestións descoñecidas”, os servizos de control meteorolóxico sospeitan que o seu causante foi “un proceso físico relacionado coa súa interacción co océano”.

O meteorólogo de Aemet Ernesto Barrera explicou na súa conta de Twitter que os fortes ventos da cicloxénese desprazaron a auga quente que había no centro de Danielle cara ao exterior da tormenta, deixando así as augas máis frías nese centro. Este fenómeno, coñecido como afloramento frío autoinducido, é o que estaría a provocar esta debilitación temporal da depresión tropical.

“Nas ultimas 12 horas, o furacán Danielle permaneceu practicamente estacionario cun sistema de altas presións limitando o seu avance”, detallou Barrera.