En que punto está a poxa por 'El Correo Gallego'? Jose Ramón García toma a dianteira

O empresario compostelán José Ramón García (Imaxe: Europa Press).
O empresario mellorou a súa oferta inicial.

O fundador de Blusens, José Ramón García, sería nestes momentos a facerse con Editorial Compostela, propietaria do medio de comunicación El Correo Gallego e Radio Obradoiro, despois de que decorrese a pasada semana a poxa da compañía.

Neste sentido, a proposta económica de ACCA Media S.L.  e Blecua Capital S.L., socios de García, tería agora mesmo máis opcións de ser aceptada definitivamente pola xuíza instrutora do caso que a presentada por Prensa Ibérica, grupo editorial de medios como, entre outros, Faro de Vigo e La Opinión.

Nun primeiro momento, o fundador  de Blusens presentara unha oferta nos xulgados para facerse directamente coa propiedade de Editorial Compostela. Porén, despois de que a maxistrada optase por unha sistema de venda por poxa, o García viuse obrigado a aumentar a súa oferta.

Xunto a Jose Ramón García, Miguel Ángel Tobías (ACCA Media S.L.) e Luis Enrique Dueñas Fernández (Blecua Capital S.L.) son as caras visíbeis desta oferta. Dueñas Fernández foi, durante moitos anos, unha das principais fontes de financiamento do empresario José Luis Moreno, acusado de presuntos delitos de extorsión e corrupción.

Problemas coa xustiza

José Ramón García tamén mantén vínculos coa xustiza, aínda que no seu caso por cometer actuacións irregulares. En 2018, a Audiencia da Coruña ordenara a inhabilitación do empresario para exercer cargos de administrador ou apoderado en empresas durante un ano e medio por defraudar 800.000 euros na declaración do IVE da filial de compras de Blusens.

Ademais, foi detido en marzo de 2018 no marco da operación relacionada cun receptor da firma tecnolóxica que facilitaba o visionado de contidos “pirata”.

A Fiscalía chegou a pedir para o fundador de Blusens un ano de cadea e unha multa de 3.200 euros por un delito contra a propiedade intelectual, mais as partes -a empresa que subministraba contidos de pago e o compostelán- chegaron a un acordo.

Resoltas as citadas causas, García é hoxe propietario de Visualiza Business, unha sociedade de investimento da quen fan parte un total de 20 empresas vinculadas, na súa maior parte, ao mundo tecnolóxico. Segundo declara na súa conta de Linkedin, totaliza “facturacións acumuladas superiores aos 500 millóns de euros” nas empresas fundadas por el.