Que é o proxecto Onda ODS? 300 radios locais do Estado español dan comezo a esta iniciativa na Galiza

Organizadores do proxecto Onda ODS. (Foto: Nós Diario)
Oleiros acollerá a emisión dun programa radiofónico que servirá de primeira actividade do proxecto.

Máis de trescentas emisoras comunitarias e municipais de todo o Estado español están detrás do proxecto Onda ODS, cuxa programación arrancará esta quinta feira coa emisión dun espazo radiofónico en directo desde a sede do Ceida (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental da Galiza), emprazado no Castelo de Santa Cruz, en Oleiros.

A intención do proxecto é “desenvolver unha estratexia de comunicación encamiñada a fomentar a reflexión na audiencia e sensibilizar á cidadanía respecto aos obxectivos de desenvolvemento sustentábel recollidos pola ONU na súa Axenda 2030, os coñecidos como ODS”, explican os propios organizadores nunha nota de prensa remitida aos medios.

 Os ODS están compostos de 17 obxectivos e 169 metas vinculadas ás esferas económica, social e ambiental, e foron aprobados e asinados polos 193 Estados membros de Nacións Unidas.

O programa radiofónico co que comezará esta iniciativa estará conducido por Susana Falcón, de Radiofusión, e Pablo García, de Radio A Estrada, e se estenderá desde as 9 até as 14 horas. Durante o seu transcurso pasarán polos micrófonos do estudo diferentes protagonistas que, “desde unha perspectiva local e de proximidade, abordarán algunhas das cuestións vinculadas con aspectos como a emerxencia climática, estratexias de preservación medioambientais ou a loita contra o despoboamento do rural”.

Convidados ao espazo radiofónico

Entre os convidados cos que contará este primeiro programa de Onda ODS figuran o alcalde da Oleiros, Ángel García Seoane; e representantes das propias asociacións de medios que promoven o proxecto: o director xeral de Emisoras Municipais de Andalucía (EMA), Paco Crespo; a representante da Rede Estatal de Medios Comunitarios, docente na Universidade da Coruña e membro do consello coordinador de CUAC FM, Isabel Lema; e a directora de Radio Televisión Cardedeu de Catalunya, María López.

Outros persoeiros que participarán do espazo radiofónico serán o director do Ceida, Carlos Vales; a , dinamizadora do Consello Climático Xuvenil de Oleiros, Laura Vidal; a directora da UNED en Lugo, Ana Traseira; e o alcalde de Paderne e directivo do Grupo Reserva da Biosfera Mariña Coruñesa e Terras do Mandeo, César Longo, que conversarán sobre “as boas prácticas en prol da conservación do planeta”.

Proxecto Onda ODS

O proxecto Onda ODS plasmarase en varios programas radiofónicos, algúns vídeos “arredor de iniciativas dinamizadoras do medio rural que loitan contra o despoboamento do mesmo”; e varios podcast que abordarán a “desigualdade de xénero e ó cambio climático a través de exemplos reais”.

Tamén se  impartirán tres cursos de podcast, destinados a mulleres, á mocidade e  a responsábeis de entidades que impulsan procesos de transición ecolóxica no mundo rural.

A proposta está aberta á participación de todas as emisoras municipais e comunitarias galegas para que difundan as iniciativas concretas dos seus concellos e áreas de influencia a través dunha programación específica que se desenvolverá desde xa e durante as vindeiras semanas.