O BNG aposta por “unha Galiza verde líder en desenvolvemento sostíbel”

A formación nacionalista presentou este sábado a súa alternativa ambiental que inclúe medidas en sete grandes ámbitos de actuación: biodiversidade, enerxía, axenda urbana, mobilidade, ciclo da auga, residuos e bioeconomía.

Presentación da Estratexia Ambiental do BNG (Nós Diario).
photo_camera Presentación da Estratexia Ambiental do BNG (Nós Diario).

O BNG presentou a súa estratexia ambiental este sábado diante do que consideran “unha urxencia climática”. A súa portavoz nacional, Ana Pontón, explicou desde o parque compostelán Eugenio Granell as medidas que desde a súa formación consideran “urxentes” implementar.

“A emerxencia ambiental e climática é máis evidente así como a necesidade de afrontalas con solucións propias e con criterios de equidade e xustiza social”, indicou Pontón, alertando contra os que se poñen “o traxe ecoloxista” mais procuran “converter o verde nunha xigantesca maquinaria de facer negocio”.

A finalidade da estratexia ambiental do BNG busca “romper cun modelo depredador e extractivo que asigna a Galiza o papel de mera subministradora de materias primas e de enerxía, cun forte impacto ambiental e, por riba, con escaso valor engadido”, asegura.

Pontón incidiu en querer revisar un modelo económico “asentado no espolio dos recursos naturais, no hiperconsumismo, na cultura de usar e tirar, no dispendio de bens vitais pero finitos como a auga provocando, ademais, unha xeración excesiva de residuos”.

Coa súa estratexia ambiental, o  BNG quere sumar forzas cunha sociedade que, opinan, “cuestiona o sistema dominante que empobrece o territorio, en particular as novas xeracións conscientes de que hoxe se decide o futuro do planeta no que terán que vivir”. 

“Compartimos a súa preocupación polo deterioro do medio, polo impacto de actividades industriais e extractivas, polo dispendio de recursos naturais, a invasión de plásticos, a calidade do aire que respiramos e dos alimentos que comemos, pola roupa que vestimos ou pola auga que bebemos”, foi enumerando a líder nacionalista.

Trinta propostas

A estratexia ambiental nacionalista inclúe trinta propostas de actuación en sete grandes  ámbitos: biodiversidade, enerxía, axenda urbana, mobilidade, ciclo da auga, residuos e bioeconomía, “para actuar no só no medio natural, senón particularmente no rural e  urbano de onde parten as principais causas da emerxencia ambiental”.

Pontón contrapuxo “o modelo ambiental e ecoloxista do Bloque co  modelo do PP” auspiciado por un Feixoo que cualificou de “kamikaze” ambiental.

En materia de biodiversidade o BNG propón a creación dun Fondo de conservación da natureza cun investimento de 100 millóns de euros, converter en rede natura o 20% do territorio, un plan para combater a fragmentación de hábitats e un plan que aborde a xestión de especies exóticas e invasoras.

En materia enerxética, a esencia da proposta nacionalista é que a enerxía sexa considerada un ben público e un sector estratéxico e apostar polo aforro e a eficiencia enerxéticas en todos os ámbitos, polas renovábeis e polo fomento do autoconsumo nas comunidades locais.

No relativo á axenda urbana, a principal proposta pasa pola elaboración participativa da Axenda Urbana Galega 2030, inspirándose nas estratexias de éxito desenvolvidas en todo o mundo pero adaptadas á realidade do País e sumando solucións propias.

No ámbito da mobilidade, cren no fomento do transporte público e da intermodalidade, que combine bus, tren, transporte marítimo e tamén a mobilidade ciclista. En relación a xestión da auga, deseñar a Estratexia da auga 2030, incluíndo a conservación dos acuíferos superficiais e subterráneas, o consumo responsábel e a modernización das redes municipais de abastecemento de auga, así como a rexeneración integral das rías.

Desde o BNG tamén propoñen reducir ao mínimo a xeración de residuos como plásticos, os de orixe industrial, da construción e agrogandeiros. E, en relación á bioeconomía, impulsar as actividades económicas sustentables na fase de produción, transformación e comercialización, promovendo circuítos curtos, km0 e mercados de proximidade. Finalmente, medidas lexislativas e de goberno para reforzar a protección ambiental e a loita contra a emerxencia climática incluíndo unha proposta de fiscalidade verde.

Comentarios