Críticas ao Estado

"Por que se pode enviar unha fragata a Ucraína e non buscar compatriotas dun naufraxio?"

Persoal forense transportou onte os corpos dos dous falecidos que chegaron ao porto de Saint John a bordo do buque 'Nexus'. (Foto:Europa Press).

As familias lamentan a xestión do naufraxio. Os tres mariñeiros sobreviventes e os nove mortos do Vila de Pitanxo agardan no porto canadense de Saint John a súa repatriación e multiplícanse as críticas pola actuación gobernamental. A petición de retomar a busca  gaña forza.

As primeiras vítimas do accidente do Vila de Pitanxo poden estar na Galiza “a partir do domingo”. Neste sentido, manifestouse Alberto Núñez Feixoo na sexta feira, sinalando que tras a chegada a porto canadense dos tripulantes “hai que conseguir que se evacúen e sexan traslados á Galiza de inmediato”. Na noite de onte, o Goberno do Estado anunciaba que fretaría un avión A-400 do Exército do Aire para repatriar os tres superviventes e os corpos dos nove falecidos.

Ao bordo do barco canadense Nexus chegaron onte a terra dous dos cadáveres e hoxe está previsto que chegue a porto o barco galego Praia Menduíña cos tres superviventes e sete falecidos. O tripulante peruano Rogelio Franco foi o primeiro identificado. Os seus restos, a petición da familia, serán repatriados ao Perú.

O mandatario galego formulou celeridade no traslado das vítimas á vez que esixiu seguir traballando na recuperación dos corpos dos mariñeiros aínda desaparecidos. As autoridades canadenses abriron onte a porta a continuar o operativo de rescate “unha vez melloren as condicións meteorolóxicas” na zona do sinistro.

A necesidade de continuar a busca dos mariñeiros desaparecidos foi formulada, tamén, polo BNG. A este respecto, o voceiro nacionalista no Congreso, Néstor Rego, anunciou que puxo en contacto co ministro de Pesca, Luis Planas, para solicitarlle ao Goberno do Estado retomar o rastrexo con medios propios porque “ten a obriga política e moral de traer de volta todos os mariñeiros do Vila de Pitanxo”. 

Reacción cidadá

A solicitude de Rego coincide coa formulada polas familias das vítimas. Así, nunha recollida de sinaturas da rede social Change.org, que ao fechamento desta edición levaba perto de 35.000 apoios, solicitan que se reactive a busca de 12 tripulantes que seguen desaparecidos. "O operativo de procura durou 37 horas. Solicitamos que se inste o Canadá para que continúen os labores de procura, e que España participe activamente no rescate con medios propios ou alleos”.

Unha das voceiras das vítimas, María José do Pazo, filla do mariñeiro de 70 anos desaparecido Francisco do Pazo, solicitou “feitos, non palabras”. “É unha dor e un estrés ter unha perda e ver que hai viúvas con nenos pequenos, e andar suplicando. Isto é aínda cravarnos máis a dor. Non hai humanidade. Non están a facer nada, por favor, reaccionen xa”, clamou do Pazo.

“Fago un chamamento os ministros, teñen que estar implicados e non o están”, continuou Do Pazo, quen advertiu que “son 12 traballadores que están a ser abandonados, que perderon a súa vida polo seu traballo e as súas familias. Onde está a ministra galega?", expresou onte.

Unha fragata "a Ucraína" e non para Canadá

"Queren arquivar isto e nós non os imos abandonar”, engadiu Do Pazo, quen pediu unha “reunión urxente do Goberno do Estado para que se poñan de acordo para enviar avións e fragatas ou que contraten medios alí” e preguntouse “por que se pode enviar unha fragata a Ucraína e non buscar compatriotas dun naufraxio?".

As demandas efectuadas por Do Pazo coinciden con algunhas das peticións achegadas a Nós Diario por mariñeiros do Morrazo. A este respecto, denuncian que “se o accidente o padecese unha embarcación da Armada xa estarían a esta altura con todos os medios para localizar onde está a embarcación afundida”. Na mesma liña, sinalan que “ao terse producido o naufraxio en augas da Organización de Pesqueiras do Atlántico Noroeste (NAFO), non suxeitas a xurisdición canadense, non sería necesario pedir permiso ás autoridades dese país”.

“A Armada española conta coa tecnoloxía necesaria para detectar onde está o Vila de Pitanxo, comentan a Nós Diario fontes de Salvamento Marítimo, quen explican que “con varridas de sónar é moi doado dar coa embarcación afundida, que non se atopa a máis de 1.000 metros de profundidade”. Nesta dirección, lembran que a día de hoxe hai equipos para traballar nun fondo mariño de até 3.500 metros.

As fontes consultadas por Nós Diario coinciden en que “é moi probábel que a maioría dos mariñeiros desaparecidos estean no interior do buque afundido”. “O naufraxio, con case total seguridade, produciuse cando a embarcación estaba traballando e nun momento dunha gran tempestade, polo que é probábel que unha parte dos mariñeiros estivesen descansando”, sinalan, mentres inciden, para defender esta hipótese, que "o barco afundiu nun período de tempo moi breve, polo que, se estaban no camarote, non tiveron moita marxe de saír".