Todo o que precisas saber sobre Paxlovid, o fármaco contra a Covid-19 que chegará á Galiza a vindeira semana

Paxlovid está dirixido a persoas cunha sintomatoloxía aguda da Covid-19 (Foto: C. Luján. POOL / Europa Press).
A próxima segunda feira aterrarán no país as primeiras doses do fármaco antiviral de Pfizer. Estas son as súas recomendacións e posíbeis efectos secundarios.

A Galiza recibirá na vindeira segunda feira as primeiras doses do antiviral Paxlovid contra a Covid-19, que chegarán aos hospitais de Compostela, Ferrol e Vigo.

Así o notificou a Consellaría de Sanidade nun comunicado, no que indicou que posteriormente se enviarán ao resto de hospitais do país esas doses da remesa que vén de repartir o Ministerio de Sanidade con 6% dos primeiros 11.900 tratamentos do antiviral Paxlovid que se distribuirán no Estado español.

Sanidade sinalou que está previsto que o Ministerio faga novos envíos nas próximas semanas até completar a cifra de 50.000 tratamentos para o conxunto do Estado no primeiro trimestre do ano.

Este novo fármaco engádese ás vacinas e a outros medicamentos xa no mercado "para evitar que pacientes positivos con determinados condicionantes poidan evolucionar a un estadío grave da enfermidade", subliña a Consellaría, ao tempo que lembra que a Comisión Permanente de Farmacia do Sistema Nacional de Saúde acordou que a indicación e prescrición de Paxlovid será realizada polo profesional médico que efectúe a diagnose, tanto do ámbito de Primaria como a nivel hospitalario.

Que é Paxlovid?

En xaneiro a farmacéutica Pfizer, que patentou o fármaco, explicou que nos estudos realizados arredor de 1% das persoas doentes que inxeriron Paxlovid foron hospitalizadas nos 28 días posteriores ao inicio do tratamento, fronte a 6,7% das e dos pacientes aos que se lles administrou placebo.

Ningunha das persoas que tomaron o fármaco faleceron, mais si houbo dez pasamentos no grupo do placebo. Con base nestes datos, Pfizer concluíu que o risco de hospitalización descende 88% con Paxlovid.

A quen está dirixido?

Paxlovid é un medicamento antiviral que se presenta en pequenas pílulas. O seu uso está previsto en pacientes adultos coa Covid-19 que non requiren un aporte de osíxeno extra e teñen un maior risco de padecer unha enfermidade grave.

É un tratamento curto, de cinco días, segundo sinala a compañía farmacéutica. Adminístrase por vía oral, dúas veces ao día.

Ten efectos secundarios?

Os efectos secundarios máis comúns notificados durante o tratamento e até 34 días após de recibir a última dose de Paxlovid foron alteración do gusto —en un de cada vinte pacientes—, diarrea —unha frecuencia semellante—, náuseas e vómitos —menos comúns—.

Non se recomenda o seu uso durante o embarazo ou en persoas que poidan quedar embarazadas e non estean empregando métodos anticonceptivos. A lactancia, aliás, debe interromperse durante o tratamento. Tampouco se debe mesturar con determinados medicamentos que poderían reducir o efecto de Paxlovid, nin está previsto que o inxiran as persoas con insuficiencia renal ou hepática grave.