Que está a ocorrer no IES Virxe do Mar de Noia? "Indignación" no profesorado coa Consellaría de Educación

IES Virxe do Mar. (Foto: Nós Diario)
Os docentes do centro público asinaron un comunicado no que denuncian a falta de persoal e as deficiencias educativas que isto provoca.

O profesorado do centro de ensino público IES Virxe do Mar, de Noia, emitiu un comunicado este 27 de xullo para mostrar publicamente o seu "profundo malestar, a súa indignación e o seu total desacordo" co recorte na cota de docentes asignada pola Consellaría de Educación no curso 2022/23.

Os mestres e mestras deste instituto lamentan que "a perda progresiva do profesorado experimentada nos últimos cursos escolares", e en concreto de docentes especialistas nunha materia, repercutiu na aprendizaxe "de calidade" que o centro leva anos intentando impartir.

Critican que desde o curso 2016/17 viron reducida en 7 profesionais a cota de docentes asignado polo Goberno galego. Destes, 3 pérdenos con respecto ao curso escolar do pasado, por xubilacións "que non se van cubrir".

"Con máis responsabilidades asignadas, menos docentes dispoñíbeis e máis alumnado matriculado, todos podemos entender que a atención ás crianzas vaise ver reducida", denuncian no comunicado.

Un mesmo mestre para Bioloxía e Educación Física

Entre as situacións ás que se enfronta agora mesmo o profesorado do IES Virxe do Mar, subliñan que o profesorado que imparte Bioloxía está obrigado a dar clases tamén de Educación Física e Educación Plástica. Esta última tamén ten que ser impartida polos docentes de Matemáticas.

Outra das consecuencias da falta de mestres e mestras é que "non se poden ofertar varias materias optativas" das ofertadas en primeira instancia, polo que o alumnado debe escoller outras que moitas veces non teñen que ver "cos estudos superiores que teñen pensado estudar". 

"Este claustro aposta firmemente pola calidade e polo éxito educativo do alumnado. Paradoxalmente é a nosa propia Consellaría, que supostamente potencia o éxito educativo, a que está a ocasionar os atrancos que producen unha deriva negativa que non estamos dispostos a asumir posto que prexudican o alumnado, especialmente o máis vulnerábel", aseguran os docentes no seu escrito.

Neste sentido, os profesores e profesoras asinantes do comunicado afirman que "manterán unha actitude de resposta activa de mobilización colectiva en defensa dos intereses do noso alumnado", e deixan claro que tomarán "as medidas oportunas se a Consellaría non rectifica a decisión de reducir o número de docentes asignados ao noso centro".