Que fai unha balsa salvavidas dun buque maltés nunha praia de Fisterra?
A embarcación foi localizada esta sexta feira na praia Mar de Fóra.
Gardacostas da Galiza rescatou esta sexta feira unha balsa salvavidas na praia Mar de Fóra, no municipio de Fisterra.
Os axentes do servizo autonómico, explican nun comunicado, actuaron en canto recibiron o aviso do 112, comprobando que a embarcación pertence ao buque estranxeiro Karekare, un petroleiro de 274 metros de eslora e 48 metros de manga que navega actualmente baixo bandeira maltesa.
O Karekare partiu o 8 de xaneiro do xacemento petrolífero de Bonga, en Nixeria, e o seu destino é o porto de Rotterdam, nos Países Baixos. A pasada quinta feira, 22 de xaneiro, navegou fronte á costa fisterrá.
Segundo as pescudas realizadas polo dispositivo despregado, correspondente á Unidade Operativa que Gardacostas ten en Muxía (comarca de Fisterra), determinouse que o buque puido perder a balsa nun golpe de mar, provocado pola borrasca Ingrid que desde as últimas horas mantén a costa galega en alerta vermella.