Que se debe facer para evitar a picadura do mosquito tigre?

Exemplar de mosquito tigre. (Foto: Nós Diario).
Tras a confirmación por parte dos entomólogos da aparición de oito exemplares de mosquito tigre, decidiuse aumentar o número de trampas para concretar en Moaña a zona onde está presente actualmente.

O comité técnico do mosquito tigre tivo esta sexta feira a súa primeira reunión para controlar a poboación desta especie identificada en Moaña (comarca do Morrazo) a través da plataforma cidadá Mosquito Alert, coa que colabora a Rede Galega de Vixilancia de Enfermidades Transmisíbeis por Vectores (ReGaViVec), integrada polas Consellarías de Sanidade e Medio Rural, ademais das Universidades de Santiago de Compostela e Vigo.

Tras a confirmación por parte dos entomólogos da aparición de oito exemplares de mosquito tigre, decidiuse aumentar o número de trampas para concretar en Moaña a zona onde está presente actualmente.

Recomendacións

O comité técnico difundirá unha serie de pautas para a poboación, centradas como mínimo na comarca do Morrazo.

Por unha parte, para evitar a picadura do mosquito tigre, aconséllase o uso de repelentes específicos que se poden encontrar nas listaxes de produtos autorizados polo Ministerio de Sanidade e pola Axencia Española do Medicamento, ademais de recomendar vestir con manga e pantalóns longos e calzado fechado ou colocar mosquiteiras en portas e xanelas.

No que respecta a evitar a proliferación do mosquito Aedes albopictus, a forma máis efectiva é evitar a posta de ovos e o crecemento de larvas. Para iso, débense eliminar puntos de auga estancada como bebedoiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións.

Debe procederse simplemente ao seu baleirado, apuntan, ou renovación da auga cada catro ou cinco días. Por tanto, zonas como lavadoiros ou fontes con auga corrente non supoñen un punto de proliferación do mosquito tigre.

A maiores, para continuar coa colaboración científica e que sexan especialistas en entomología os que confirmen a presenza ou non de máis exemplares de mosquito tigre, promoverase a descarga da aplicación móbil Mosquito Alert coa que facer chegar fotografías para o seu estudo por parte dos investigadores.