Camiño dun punto e final aos encoros na zona do Salto da Sela, no río Miño

Durante 30 anos, veciñanza da Galiza e de Portugal mobilizouse para evitar a construción dun encoro no tramo internacional do Miño, consciente do impacto que este proxecto ía ter na contorna. Unha loita que comezou a finais da década dos 70 e na que se implicaron centos de persoas de ambas as dúas beiras para evitar que o Salto da Sela fose unha realidade na parroquia de Vide, no concello das Neves.

Unha loita que acaba de recibir una boa nova, segundo o grupo ecoloxista Adenco, que informa da intención do Ministerio para a Transición Ecolóxica do Goberno español “de extinguir o aproveitamento de augas do Salto de Sela, no Miño, dereito propiedade de Unión Fenosa”.

Este procedemento, explica, é unha reclamación histórica do movemento ecoloxista da comarca, que xa lograra no seu día frear a construción do Encoro de Sela, logo da declaración de impacto ambiental negativa publicada no BOE a comezos do ano 2000.

 A raíz diso, Unión Fenosa e o seu socio no proxecto no lado portugués, a EDP, promoveron a construción de tres novos encoros, máis pequenos.

“Desde entón, esta extinción foi esixencia reiterada polos colectivos ambientalistas”, indica Adenco, para así evitar novos proxectos no futuro, algo que significaba, “na realidade, a continuidade dunha espada de Damocles sobre o Miño internacional”.

O treito de Miño en cuestión, explica este colectivo, prolóngase uns 20km despois do encoro de Frieira en Crecente, ata o Concello das Neves, un amplo treito de río que acolle hábitat protexidos pola Unión Europea e que fixeron que fose incluído na Rede Natura 2000. Aliás, é unha zona rica en patrimonio de pesqueiras