Durante 30 anos veciñanza da Galiza e de Portugal mobilizouse para evitar a construción dun encoro no tramo internacional do Miño, consciente do impacto que este proxecto ía ter na contorna. Unha loita que comezou a finais da década dos 70 e na que se implicaron centos de persoas de ambas as dúas beiras para evitar que o Salto da Sela fose unha realidade na parroquia de Vide, no concello das Neves.
O Salto é un documental que recolle e homenaxea toda esa loita. Vaise proxectar o 9 de agosto na Casa da Auga de Vide, a parroquia onde querían construír o encoro. O documental vai recollendo as diferentes etapas desta oposición e pondo en valor todo o que o río Miño dá nesta zona do sur do noso país.
Adrián González, recente graduado en Comunicación Audiovisual, é o autor de O Salto, e xa ten varias obras anteriores: a reportaxe As Neves Zona 0 (2017) ou as curtametraxes Mans Mortas (2016) e Castelos de Fame (2015). Leva a cabo este documentario como homenaxe “a aqueles que loitaron polo común, por un patrimonio cultural e medioambiental que se vería en grave en perigo coa construción deste encoro. A supervivencia de especies autóctonas, as pesqueiras, a arte da pesca da lamprea, a economía e o estilo de vida ao redor do río tal e como é agora... todo isto estaba en xogo co proxecto do Salto de Sela”.