Mobilidade

As bonificacións do transporte estenderanse, para toda a poboación, até decembro de 2024

Pasaxeiros na estación de tren da Coruña. (Foto: Manel Méndez)
Os abonos gratuítos de Renfe e os descontos no autobús ficarán intactos un ano máis. O Consello de Ministros aprobará esta cuarta feira o novo paquete de medidas para combater os efectos da inflación, a crise enerxética e a guerra de Ucraína.

Os dous partidos que conforman o Goberno de coalición español, PSOE e Sumar, veñen de fechar un acordo para prorrogar as bonificacións ao transporte público até o 31 de decembro de 2024 para toda a poboación e non só para menores de idade, mozos e mozas e desempregadas, como se prevía inicialmente, segundo confirmaron fontes da formación que dirixe Yolanda Díaz. O Consello de Ministros aprobará esta cuarta feira o novo paquete de medidas para combater os efectos da inflación, a crise enerxética e a guerra de Ucraína.

O Executivo de Pedro Sánchez incluíu unha dotación de 1.440 millóns de euros no seu plan orzamentario de 2024 para a subvención do transporte público, incluída a gratuidade de trens e autobuses e as axudas ás comunidades autónomas para os descontos no transporte de competencia autonómica. Así, o Goberno seguirá bonificando con 30% o transporte público do resto de administracións sempre que se comprometan a aumentar este desconto até 50%.

Acordo para o imposto á banca, mais non para o das enerxéticas

Tras intensas negociacións, Sumar recoñeceu que hai medidas que suscitaron debate no seo do Goberno de coalición, como as relacionadas precisamente coa gratuidade do transporte público ou cos impostos á banca e as enerxéticas. Sobre estes tributos, Sumar asegurou que o imposto á banca quedará como está, pero sobre o imposto a enerxéticas non hai acordo aínda neste momento.

O imposto temporal á banca grava a 4,8% os intereses e comisións de todas as entidades que facturasen máis de 800 millóns de euros en 2019 e o tributo afectará a actividade que as entidades desenvolvan dentro do Estado español. Pola súa parte, o tributo enerxético grava 1,2% sobre o importe da cifra de negocio das compañías do ramo enerxético que facturasen máis de 1.000 millóns no ano previo á pandemia.

Exclúense da facturación obxecto do gravame os ingresos derivados das actividades reguladas. Deste modo, o imposto non afecta aqueles ingresos nos que a subministración sexa a prezo regulado, como é o caso do PVPC de electricidade, a tarifa de último recurso (TUR) de gas, o GLP envasado e o GLP por canalización.

No acordo de Goberno de coalición fíxase a revisión dos gravames co obxectivo de readaptalos e mantelos unha vez que expire o seu período de aplicación actual, para que ambos os sectores sigan contribuíndo á xustiza fiscal e ao sostemento do Estado de benestar. De feito, o presidente Sánchez confirmou recentemente que se está traballando no "redeseño" do imposto extraordinario ás enerxéticas, se ben negou que iso se deba ás advertencias de Repsol de que este imposto "condiciona" os seus investimentos no Estado.