PSOE e PP vetan en Vigo o debate da "censura" na Deputación de Pontevedra

Pleno do Concello de Vigo decorrido esta segunda feira. (Foto: Concello de Vigo)
O alcalde, Abel Caballero, volveu ausentarse da sesión plenaria

O pleno do Concello de Vigo viviu unha vez máis unha bronca sesión debido á petición de tramitación dunha moción de urxencia proposta polo BNG relativa á "censura" imposta a relatoras ligadas á formación nacionalista nun proxecto da Deputación de Pontevedra

En concreto, a discrepancia chegou cando o portavoz nacionalista, Xabier P. Igrexas, expresou as súas alegacións para formular a urxencia desta moción, motivada pola "insólita" actuación do Goberno provincial. Desde o PP, Luisa Sánchez, denegou apoiar a urxencia da moción porque os feitos relatados "aconteceron antes do rexistro da convocatoria do pleno", polo que "segundo o regulamento" non cabería ser debatida como urxente. 

Na mesma liña falou Carlos López Font, do PSOE, que indicou que xa foi convocado un pleno extraordinario sobre este asunto –con posterioridade ao rexistro da moción do BNG–. 

Neste punto, o secretario decidiu que non se votaría aceptar ou non o debate da iniciativa. Un feito que, para Igrexas, supoñía "saltar o regulamento". Segundo o nacionalista, o órgano competente para determinar a urxencia ou non dunha moción é o pleno, polo que pediu que se votase a posibilidade de debatela.

Con todo, Igrexas atopou de fronte a negativa de Elena Espinosa, que nese momento presidía o pleno, ante unha nova ausencia do alcalde, Abel Caballero. 

Non foi o único suceso salientábel no pleno de Vigo de onte. Durante o transcurso do mesmo, persoal de Vitrasa –concesionaria do transporte público–, en folga indefinida desde novembro, pediu ao Goberno local mediación no conflito, o que motivou a suspensión da sesión.