Psicólogos demandan máis recursos e profesionais para previr o suicidio ante a "posíbel repunta" de tentativas

A Galiza é, despois de Asturias, o territorio do Estado español cunha maior taxa de suicidios. (Foto: Nós Diario)
"A deterioración nas condicións de vida desde 2020, cunha pandemia, unha guerra cos seus efectos sobre a economía e unha inflación elevadísima, fainos prever a posibilidade de que os niveis de sufrimento medren notabelmente na poboación", advirten desde o Colexio de Psicoloxía da Galiza.

O Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza (COPG) vén de exixir que se dea cumprimento aos compromisos incluídos no Plan de Prevención de Suicidio, aprobado pola Xunta en 2017 e do que, lamenta a institución, "a día de hoxe non se coñece a execución, con medidas sen desenvolver cinco anos despois".

Con motivo do próximo Día Mundial para a Prevención do Suicidio, este sábado, lembran que para atallar este "grave problema de saúde pública" son necesarias "políticas públicas que dispoñan dos recursos precisos".

Apuntan tamén, na liña do expresado nesta mesma sexta feira polo Movemento Galego pola Saúde Mental, que os últimos datos dispoñíbeis son de 2020, "xa que non se dispón de estudos e informes máis recentes nin pormenorizados máis aló dos datos sobre mortalidade que publica o Imelga (Instituto de Medicina Legal da Galiza)".

Así, recollen que o país presentaba en 2020 unha taxa de 13,11 suicidios por cada 100.000 habitantes, case o dobre da media estatal (7,79), tornando deste modo no segundo territorio cunha proporción máis elevada, só por detrás de Asturias.

Posíbel repunta dos suicidios

"A deterioración nas condicións de vida desde 2020, cunha pandemia, unha guerra cos seus efectos sobre a economía e unha inflación elevadísima, fainos prever a posibilidade de que os niveis de sufrimento medren notabelmente na poboación", advirten no comunicado, no que urxen a "preparar o sistema sanitario e social para protexer os máis vulnerábeis".

Só en 2020, insisten, faleceron por suicidio 207 persoas na Galiza, "case unha cada día". Segundo estima a Organización Mundial da Saúde (OMS), por cada suicidio consumado hai 20 intentos, o que implicaría que a ideación autolítica estaría presente nunhas 6.000 persoas na Galiza.

Así as cousas, desde o COPG solicitan unha "aposta decidida" pola prevención, o que incluiría dar cumprimento ao que se recolle no Plan de Prevención do Suicidio, así como cuestións como a investigación epidemiolóxica sobre a conduta suicida e a rendición de informes sobre o desenvolvemento de cada unha das 37 medidas recollidas no documento.

Insisten a este respecto que a atención psicolóxica en Atención Primaria, "cunha mínima implantación na Galiza", é unha das medidas eficaces para a prevención da conduta suicida, "polo que é imprescindíbel reforzar a presenza de psicólogos nos distintos contextos para realizar esa abordaxe preventiva e asistencial, non só na sanidade, senón tamén na educación e nos servizos sociais comunitarios dos concellos".

Unidades de prevención

Pola súa parte, a Xunta informou tamén nun comunicado de que o país contará en 2022 con unidades de atención a persoas en risco de suicidio en todas as áreas sanitarias. Así, coa creación de cinco novas unidades, a Administración galega prevé que este ano todas as áreas conten con este tipo de atención especializada, segundo o previsto no Plan de Saúde Mental da Galiza 2020-2024.

Cada unha delas conta cun equipo específico de profesionais composto por persoal de psicoloxía, psiquiatría e enfermaría especialista en saúde mental. Estes profesionais forman parte dos 120 que se incorporaron aos servizos de saúde mental desde a posta en marcha do mencionado plan: 34 psicólogos, 37 psiquiatras, 26 enfermeiros especialistas e 12 traballadores sociais, entre outros.

Nesta liña, e con vistas a garantir a cobertura de prazas nestas novas unidades de atención, o Goberno enviará unha lei ao Parlamento que permita cubrir cada posto por concurso de méritos, "garantindo que ningunha destas prazas quede vacante". No escrito, a Xunta lembra tamén que apoia diferentes entidades sociais para a realización de programas sociosanitarios no ámbito da prevención do suicidio. No que atinxe á intervención sociocomunitaria, o Sergas impulsa unha serie de programas en cooperación coas entidades sociais a través dunha liña de axudas.

En 2021, a Xunta destinou 64.580 euros a cinco programas dos que se beneficiaron 935 persoas, das que 461 eran mulleres e 474 homes. En 2022 incrementouse a partida até os 100.000 euros, financiando oito programas dos que se benefician 1.725 persoas, das que 771 son mulleres e 954 homes.