Promovida por colectivos LGBTI

PSdeG e PP desmárcanse da Lei Galega de Identidade de Xénero

BNG, En Marea, Compromiso por Galicia e Ciudadanos son as forzas políticas que concorren ás eleccións galegas que se comprometeron a aprobar o decálogo de medidas impulsadas por media decena de colectivos Trans do país, que buscan desenvolver unha Lei Galega de Identidade de Xénero. PSdeG e PSOE desbotaron asinar o documento.

Colectivos Trans galegos deron a coñecer esta sexta feira as formacións políticas que asinaron un documento no que se comprometen a cumprir o decálogo de medidas impulsadas por media decena de asociacións e que se centra na aprobación e desenvolvemento dunha Lei Galega de Identidade de Xénero.

En rolda de prensa, as cinco entidades que impulsaron a iniciativa –TransForma Unión Trans, Arelas, Ultreia LGTBI, Alas e Casco Comité Cidadán Antisida- explicaron que foron o BNG, En Marea, Compromiso por Galicia e Ciudadanos as forzas políticas que asinaron un documento co que se comprometen a cumprir as dez medidas propostas.

A asociación TransForma Unión Trans denuncia o "trato indigno" do PP

A activista Laura Bugalho, quen defendeu o dereito das persoas trans a non ter que “mendigar” e a poder desenvolver “dereitos inalienables”, criticou que nin PSdeG nin PP apoiaran as medidas, mentres que a asociación TransForma Unión Trans cargou contra o PP polo “trato indigno” que recibiu a presidenta da asociación cando se dirixiu a Susana López Abella e a Gonzalo Trenor.

Entre as medidas que reivindican as asociacións, alén das que teñen a ver coa concienciación e sensibilización, atópanse a inclusión da diversidade sexual e de xénero nos currículos educativos e nos plans de estudo das universidades; a creación dunha unidade asistencial de referencia para identidade de xénero; unha documentación identificativa transitoria para as persoas residentes na Galiza que non se sintan identificadas co nome e o xénero rexistral ou un Observatorio LGTBI de investigación, control, atención integral e asesoramento xurídico.