Tres proxectos de futuro para o rural

As tres son mulleres e encabezan iniciativas que procuran revitalizar o campo do noso país. Porén, o desleixo das administracións non lles pon as cousas doadas. Sen axudas nin servizos, concordan en apuntar que, malia as posibilidades do noso agro, non hai vontade política para garantir o seu futuro. 

 

"O MAIOR PROBLEMA FOI CONSEGUIR TERRAS"

Ermitas Rodríguez é enxeñeira agrónoma. Os seus pais "marcharon de novos" emigrados para A Coruña procedentes do interior da provincia de Lugo. Ela e a súa familia decidiron retornar e actualmente xestiona unha granxa de cabras ecolóxica. "É un sistema novo, están fóra todo o día", apunta. 

Ermitas recoñece que o seu caso "non é o normal" pois "comezabamos de cero" sen terreo e sen experiencia. Malia contar "cunha pequena axuda" europea, a subvención "non é suficiente" para afrontar os custos dunha explotación gandeira. "Tes que adiantar cartos", salienta, polo que se viron abocad@s a "pedir un crédito" destinado "a mercar os animais". Porén, afirma con rotundidade que "o máis difícil é conseguir terras". 

Esta luguesa foi unha das beneficiarias do BanteGal. A través do banco de terras posto a andar polo BNG desde Medio Rural, Ermitas accedeu ao campo preciso para desenvolver unha agricultura extensiva que exixe  terreos ben largacíos. Iso si, "tivemos que facer moito para adaptalas" porque "estaban abandonadas", recoñece. 

Neste senso Ermitas lamenta que, embora termos "as mellores condicións para producir" e "múltiples posibilidades" , as institucións, di, "non facilitan moito as cousas" a aquelas persoas que "queremos vivir no rural".

O desmantelamento de servizos
O desmantelamento de servizos públicos básicos, atinxen de maneira máis notábel o rural do país. 
O peche de escolas e a reconfiguración dos centros de atención primaria abocan á poboación do rural a se desprazaren ducias de quilómetros ou, polo xeral, obrigan @s nov@s morador@s a se concentraren nos núcleos urbanos. 

"Temos pediatra só tres veces á semana e cando está de baixa derívannos a Vilalba, non a cobren"

Ermitas vive en Meira. A máis de 15 km da súa explotación situada no Concello de Pol, na provincia de Lugo. A escaseza de servizos públicos e o desmantelamento dos existentes por mor dos recortes fan que "vivir no rural" sexa "toda unha aventura", salienta. 

"Temos pediatra só tres veces á semana e cando está de baixa derívannos a Vilalba, non a cobren"; aliás pon en destaque que acceder ao transporte escolar ou a unha gardaría pública "é complexísimo". Mesmo conseguir "luz e auga" para a explotación faise difícil "e non facilita nada que a xente fique no rural". 

"NON HAI AXUDAS PARA AS MOZAS"

Ten 27 anos. Estudou Socioloxía en Santiago de Compostela, mais é natural da Laracha (A Coruña). Iria Zas é Seitura, un proxecto agrícola dedicado á produción de verduras e hortalizas ecolóxicas, porén aspira a ofrecer un servizo máis amplo que permita @s consumidor@s visitar a horta e os produtos que levarán á mesa.

"Vendemos en feiras e pequenas tendas", tecendo redes de proximidade, mais o seu obxectivo vai para alén diso e proponse "revalorizar o rural" ofrecéndolle "ás persoas que queiran que se acheguen" a visitar Seitura.

A idea de volver á aldea "roldábame a cabeza" xa na Universidade, mais o estourido da crise económica deulle o último empurrón. Cunha taxa de desemprego xuvenil que perto está de se situar no 50%, Iria recoñece que "a falta de traballo" foi a que a levou "a botar a andar esta idea". 

A diferenza de Ermitas, Iria xa contaba coas terras da súa familia e outras "cedéronmas", afirma, pois "estaban abandonadas". "O desartellamento dos servizos fai difícil volver", apunta, porén subliña que "é unha forma de vida moi diferente" que xa coñecía polo que "non supuxo un problema".

"Financiamento? Non hai axudas"
"Comecei un pouco pola miña conta", di, "axudas públicas non teño" e, como "non quería pedir un crédito", Iria acudiu ao Peto, unha asociación sen ánimo de lucro que pula por "unha economía ao servizo das persoas", baseada na autoxestión e que, aliás, lle facilita a devolución do préstamo sen xuros. 

"O agro é un sector tremendamente abandonado, o seu desmantelamento está planificado e visa acabar coa cultura e as formas de vida baseadas na autoxestión"

Entre risos esta moza recoñece a complexidade para mercar "os materiais" e as sementes. Cuestión que se dificulta aínda máis para a produción ecolóxica. 

"Algunhas sementes mércoas"; no entanto, salienta as dificultades para acceder a aquelas que manteñen unha produción natural e non transxénica. "Outras consígoas entre as persoas maiores que aínda plantan" produtos do país "como as cabazas".

O agro, di, "é un sector tremendamente abandonado" mais o seu desmantelamento, salienta, "está planificado" e atende a un interese concreto: "acabar cunha cultura e coas formas de vida baseadas na autoxestión"."Si hai futuro" no rural, enfatiza, mais "deberíase pular por el".

"ASOCIARSE FACILITA MOITO AS COUSAS"

Tania é da Coruña. Ao contrario do que Iria e Ermitas, non tiña vínculos familiares co rural, "nin estudara nada que tivese a ver con isto". Da cidade herculina marchou para Melide (A Coruña) xunto co seu compañeiro e a crianza de amb@s. 

En grande medida a decisión de se mudaren até esta vila coruñesa, situada a varios quilómetros da explotación, veu condicionada pola necesidade de levaren o meniño "á gardaría", un servizo que no rural se centraliza nas cabeceiras de comarca. 

A 15 minutos da súa morada xestionan unha granxa de coellos. "É como o día e a noite", remarca cando compara a vida urbana coa rural. Aos seus 24 anos salienta non arrepentirse de cambiar a súa vida, mais é sincera ao recoñecer que "foi unha experiencia moi má" e que mesmo dubida "se volvería facelo".

Solucións cooperativas 
"Non había traballo e houbo que arrimarse ao que había", acrecenta. Actualmente están de aluguer nunhas instalacións alleas e tentan botar a andar un proxecto que, após máis dun ano, continúa a lles dar problemas "pola falta de recursos e axudas". 

Porén, Tania ten claro que "asociarse" ou tomar parte dunha cooperativa "facilita moito as cousas". 
Neste senso, xunto con outras 8 granxas conforman unha asociación de produtores e produtoras que procuran mellorar o prezo da produción exercendo presión conxunta sobre as distribuidoras. 

"Non había traballo e houbo que arrimarse ao que había"

Traballan cunha empresa catalá que mellora notabelmente a remuneración da Galiza. O control exercido polos intermediarios no valor da produción agraria deixa a gandeir@s e agricultor@s nunha situación de inferioridade e con escasa capacidade de negociación de maneira individual polo que as cooperativas e asociacións agrarias continúan a ser unha fortaleza en tempos de crise. 

Aliás, o traballo cooperativo permítelles mercar a uns prezos máis competitivos os insumos e afrontar as dificultades de maneira máis exitosa ao representaren máis de 20 mil toneladas de carne, unha cantidade importante para calquera distribuidora.