Os proxectos eólicos ameazan a vida do lobo

Lobos ibéricos, que veñen de ser incluídos na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A organización ecoloxista Adega alerta de que a conservación do lobo está ameazada pola presenza de numerosos proxectos de parques eólicos na Galiza. Propóñenlle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que inclúa outras propostas para salvagardar esta especie animal.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) vén de trasladar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) as súas propostas sobre a Estratexia de conservación do lobo que, segundo indican nun comunicado, "en datos científicos e obxectivos pretenden contribuír a mellorar a situación e desactivar conflitos" en relación a este animal. 

Para a organización ecoloxista a proposta de Estratexia de conservación do lobo que anuncia o Goberno español "obvia incluír como factor de ameaza para as poboacións de lobo as infraestruturas eólicas, a pesar de que no documento preliminar de bases e na Estratexia aprobada en 2005 considerábase oportuno introducir o lobo como especie focal nos estudos de avaliación de impacto ambiental dos parques eólicos". 

Entre as propostas que Adega traslada ao Ministerio para a súa inclusión na Estratexia, figura como unha das medidas preventivas a recuperación da figura do pastor

Lembran que "o propio Plano de xestión do lobo, aprobado polo goberno bipartito en 2008, xa estabelecía, no seu punto 18.5 que nas avaliacións de impacto ambiental de proxectos de implantación eólica fomentarase a inclusión de datos sólidos sobre a presenza de lobos nas áreas de influencia" ademais dunha "avaliación e seguimento das afeccións da instalación eólica sobre a poboación de lobos". 

Propostas da organización ecoloxista

Entre as propostas que Adega traslada ao Ministerio para a súa inclusión na Estratexia, figura como unha das medidas preventivas a recuperación da figura do pastor, "en especial nas explotacións que conteñen un número importante de cabezas de gando en extensións amplas", concretan.

Neste senso, poñen en valor que "a UE recomenda nun informe que a partir de 50 unidades recoméndase a vixilancia con pastor para a gandería extensiva e amplas zonas".

Daquela, alertan de que "a ausencia de pastoreo durante o día, a pesar de que poidan estarse a empregar algunhas medidas preventivas e dada a falta de presas salvaxes para o lobo, pode ser fonte dunha maior recorrencia de ataques".

Por este motivo argumentan a posibilidade de recuperar "cérvidos e outros ungulados silvestres, presas naturais do lobo" ademais de impulsar a presenza do cabalo galego ou das bestas "cun arraigo nalgunhas zonas que resulta chave e economicamente viábel".