O proxecto químico que queren instalar no Macizo ourensán foi rexeitado anteriormente en varias zonas do Estado

Macizo central ourensán, onde pretenden ubicar a planta química.

A proposta procura ubicar unha factoría para gasificar carbón e producir metanol en pleno Macizo Central. Antes intentouse instalar en Tenerife ou Almería, en cada un dos lugares con sinatura dunha empresa distinta, “mais detrás de todas está a mesma persoa apoderada”, afirma Fins Eirexas, de Adega.

Asociación ecolóxica para a defensa da GalizaAdega, presentaba hai uns días alegacións ao proxecto de instalación dun polo químico en pleno Macizo Central de Ourense, unha iniciativa que procura “gasificar carbón para obter metanol (un alcol) e hidróxeno (un gas), ambos combustíbeis”. Un proxecto, recoñece en conversa con Sermos Galiza Fins Eirexas, de Adega, que xa acumula varios rexeitamentos en diferentes puntos do Estado español. “En Tenerife ou Almería xa lle dixeron que non”, sinala, indicando que en cada un dos lugares esta iniciativa levaba a sinatura dunha empresa distinta, “mais detrás de todas elas está a mesma persoa apoderada”. Serían, pois, empresas instrumentais, afirma o ambientalista.

Eirexas fala de “calote” e explícao: “É surrealista, porque este proxecto propón a vía máis complexa e custosa para obter un produto que tampouco ten no mercado un gran rendemento económico”. Así, lembra que esta actividade pretenda ubicarse sobre chan rústico nun espazo fóra das diversas superficies industriais da provincia de Ourense, moitas delas infrautilizadas, e afastada das principais vías de comunicación  precisas para o transporte da materia prima (unas 100.000 Tm/ano de carbón) e a distribución dos produtos (75.000 Tm/ano de metanol) e subprodutos (375 Tm/ano de H2).

Cal é o negocio?

Mais entón, cal é o negocio? Fins Eirexas considera que o obxectivo é lograr algún tipo de autorización dunha administración para, en base á mesma, ter un punto de apoio para iniciar litixios solicitando indemnizacións por danos e lucro cesante cando durante o proceso lle deneguen o permiso. Algo semellantes, aínda salvando as claras diferenzas, aponta Eirexas, ao da empresa Edgewater en Corcoesto.