IA en galego: o proxecto Nós lanza as súas tres primeiras ferramentas

Senén Barro, Elisa Fernández, Antonio López, Román Rodríguez, Julián Cerviño e Valentín García. (Foto: Santi Alvite)

Trátase do primeiro tradutor neuronal multilingüe feito na Galiza, o primeiro recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte a texto e unha aplicación de síntese de voz que a partir dun texto é quen de ler en galego.

As tres primeiras ferramentas dispoñíbeis do proxecto Nós posibilitarán a interacción en galego entre as persoas usuarias e os dispositivos tecnolóxicos. Trátase do primeiro tradutor neuronal multilingüe feito na Galiza, o primeiro recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte a texto e unha aplicación de síntese de voz que a partir dun texto é quen de ler en galego. Estas ferramentas estarán dispoñíbeis proximamente en aberto e de xeito gratuíto para calquera persoa, empresa ou proxecto que as precise ou desexe empregar.

O reitor da USC, Antonio López; o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), Senén Barro; a directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández; o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, presentaron esta segunda feira, estas novas ferramentas no Edificio Fontán da Cidade da Cultura (Compostela). 

“Damos un primeiro paso visíbel ao pór xa accesíbeis algúns dos resultados do proxecto”, dixo Antonio López. O proxecto Nós “conecta humanidades e tecnoloxía, neste caso, a través da lingua”, continuou o reitor, para despois subliñar que se trata do “proxecto máis ambicioso para a nosa lingua mirando cara ao futuro”.

O proxecto quere, dixo Antonio López, colocar o galego nas mesmas condicións que outros idiomas con maior potencialidade a través de ferramentas que xeran aprendizaxe constante e solucións acaídas. “Isto non acaba aquí, só é o primeiro paso”, concluíu.

Pola súa parte Senén Barro destacou que “o proxecto Nós nace deste a USC e a Xunta da Galiza coa vontade de crear un ecosistema galego innovador en tecnoloxías lingüísticas para o mundo”. “Os datos son como as infraestruturas viarias dun país”, dixo, “os materias básicos de construción que deben ser preparados axeitadamente”, explicou. A directora do ILG, finalmente, presentou o funcionamento das ferramentas que, tal e como sinalou, foron seleccionadas "en función da súa alta demanda".

Estes avances permitirán non só reforzar a proxección exterior do galego, “senón tamén a expansión económica da lingua galega como vehículo de comunicación nos mercados globais”, afirmou Román Rodríguez.

O galego na vangarda

‘O Proxecto Nós: O galego na sociedade e na economía da Intelixencia Artificial’ busca xerar os recursos necesarios para colocar o galego “na vangarda das Tecnoloxías Intelixentes”, nomeadamente naquelas áreas relacionadas coas Tecnoloxías Lingüísticas e, de maneira xeral, na sociedade e economía da Intelixencia Artificial. Dentro do proxecto compílanse recursos e desenvólvense ferramentas de alta calidade para o procesamento automático do galego, tanto oral como escrito.

Os recursos desenvolvidos en Nós serán de libre acceso por terceiros, o que vai permitir e facilitar o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega, por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que así o desexen.