O proxecto 'Galtren' chega ao Parlamento Galego

O avance do AVE foi ligado á progresiva desaparición do ferrocarril de proximidade (Foto: EP).
A necesidade dun ente ferroviario nacional "de proximidade, interior e de calidade", a debate

O BNG proporá na vindeira sesión plenaria do Parlamento Galego “crear un ente ferroviario que garanta un tren de proximidade, interior  e de calidade”.

O proxecto coñecido como Galtren será a resposta ás demandas dos galegos e galegas “a un problema que arrastramos desde hai moito tempo, como é a situación na que se atopa o sistema ferroviario galego”.

Recentemente, explicou a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, “víamos esa viaxe inaugural a Madrid, a segunda vez que se inauguraba o AVE a Galiza, acompañada de  grandes pompas da Xunta  para festexar 20 anos de atraso e incumprimentos dos gobernos de PP e PSOE”.

“Pero o AVE -dixo Rodil- non resolve todos problemas e agravios de infraestruturas, e moi especialmente no tren”.

“Sen ir máis lonxe,  o exemplo máis evidente, palmario e groseiro témolo en Lugo, única capital sen conexión directa con Santiago de Compostela, que mantén unha liña sen electrificar e cun único servizo con Santiago de Compostela que foi eliminado a semana pasada”, apostilou Olalla Rodi.

A maiores, a nacionalista cualificou como “o colmo do indecente” o suceso acontecido a pasada semana, cando as persoas usuarias do traxecto Lugo-Ourense quedaron “tiradas” na estación  pola falta de maquinista.

O tren, un aliado contra a crise climática

Por iso, e porque a formación considera o tren como “unha peza chave na loita contra a crise climática, na descarbonización e na  economía, pero tamén  factor para garantir a cohesión e vertebración territorial e o impulso da mobilidade colectiva”, no vindeiro pleno a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntará a Núñez Feixoo “se cre que está sendo útil para enfrontar os problemas que ten Galiza”.